A las cinco de la tarde, de López Poy e Miguel Fernández: a historia dun home e da súa paixón

Komic Librería: A las cinco de la tarde


Nunca teriamos pensado que a terceira colaboración do tándem creativo Manolo López Poy / Miguel Fernández sería unha obra como a que hoxe comentamos. Ao igual que nós, vos preguntaredes porque estes dous lugueses decidiron contar a vida dun toureiro. Agardamos que en breve poidan respondernos persoalmente a esta cuestión xa que, ademais de bos autores, son tamén bos amigos de Komic Librería.

Non se pode negar que o toureo é un tema polémico para un sector moi amplo da sociedade actual deste país. De todos os xeitos, o enfoque biográfico e histórico co que Manolo López Poy afronta o guión de A las cinco de la tarde (Diábolo) fai que esta lectura interese a un público variado, e mesmo aos detractores da, noutrora, chamada Fiesta Nacional.

Komic Librería: A las cinco de la tarde

O subtítulo da obra (Un home, un século, unha paixón) non podería ser máis axeitado. Coa premisa de contar a experiencia vital e profesional de Lorenzo Pascual, Monteño, nado en 1921 e motivado de xeito apaixonado dende cativo para ser toureiro, os autores van desgranando a súa vida e o século con lucidez e dinamismo ata 1956, ano no que se retira da profesión taurina.

Komic Librería: A las cinco de la tarde

Cada un dos catro capítulos nos que se divide o álbum iníciase cun texto de apoio e fotos da época que sirven para ambientar e levar ao lector de regreso a ese tempos da España en branco e negro. Creando un forte contraste Miguel Fernández emprega ao longo de todas estas páxinas unha paleta colorista e brillante que nos sorprendeu moi gratamente, xa que ata o de agora non tiñamos visto ningún dos seus traballos en cor. Do mesmo xeito, gozamos co seu debuxo en formato de álbum europeo, un tamaño no que respira, loce e mostra o versátil que pode chegar a ser.

Komic Librería: A las cinco de la tarde

En A las cinco de la tarde pásase un pouco por riba dos aspectos máis polémicos que poderían ferir aos máis susceptibles, e cóntase a historia dun home que, como a maioría da súa xeración, tivo que ser forte e afouto por obriga, ao que se lle pecharon máis portas no seu país ca no estranxeiro e que se mantivo fiel aos seus principios. Un home que continúa a ter unha vitalidade envexable e que, coa colaboración de dous galegos, remata a faena acadando un gran impacto mediático, ata o punto de aparecer os tres nun informativo de Televisión Española.


Komic Librería: A las cinco de la tardeA las cinco de la tarde
Manolo López Poy / Miguel Fernández

Diábolo Ediciones
Tomos: 1