Degenerado, de Chloé Cruchaudet: non vos deixedes enganar polo título

Komic Librería: Degenerado


Porque este seméllanos un dos escasísimos elementos dentro desta obra que non funciona, o seu título, que tanto en galego como en español ten unhas connotacións claramente negativas e despectivas, mentras que no francés orixinal (Mauvais Genre, mal xénero ou xénero trabucado, literalmente) non transmite tanta acritude. E resulta que, tras este desafortunado título, agóchase unha das obras máis interesantes (e recomendables) que chegaron ultimamente á nosa librería. Non sen motivo arriba a Komic cunha chea de premios importantes recibidos en Francia, entre eles o do público no Festival de Angoulême ou o da ACBD, a crítica especializada gala.

Komic Librería: Degenerado

A súa autora, Chloé Cruchaudet, unha nova e talentosa historietista que xa nos interesara coa única obra que ata o de agora chegara ao mercado nacional, Groenlandia-Manhattan (Norma Editorial), volve demostrar en Degenerado (Dibbuks) o seu interese en periodos históricos convulsos e en historias de grandísima humanidade baseadas en feitos reais, como é o caso que nos ocupa hoxe, porque este relato está inspirado nun ensaio histórico escrito por Fabrice Virgil e Daniéle Voldman, titulado La Garçonne et l'Assassin, e no que contan a historia de Paul Grappe e Louise Landy, unha parella namorada e parisina que casa pouco antes da Primeira Guerra Mundial, da que se conmemora este ano o centenario do seu inicio.

Komic Librería: Degenerado

Ao pouco tempo Paul é chamado a filas, sofre en primeira persoa os terribles horrores da guerra dende a primeira liña das trincheiras, deserta e, para non ser castigado por esta decisión e poder fuxir da clandestinidade, travístese e durante dez anos vive baixo a identidade de Suzanne Landgard, mentira que obviamente afectará á súa relación de parella e que terá un tráxico e triste final, rematado nun famoso e popular proceso criminal no París dos tolos anos vinte.

Komic Librería: Degenerado

Mesturando partes moi documentadas, como son aquelas relativas ao xuízo, con outras nas que ten máis cabida a imaxinación, Chloé Cruchaudet consegue contar esta historia de xéneros e sentimentos confusos cunha sensibilidade extrema, atopando o difícil equilibrio necesario para narrar a complexidade dos sentimentos amorosos, as feridas psicolóxicas da guerra, o travestismo e a violencia dentro da parella.

Para acadar todo isto constrúe con moita intelixencia e sutileza a psicoloxía dos personaxes protagonistas, introdúcenos con discreción e proximidade na intimidade da parella e dosifica a intriga de maneira sublime e axeitada. Poñémosvos un exemplo da súa elegancia: na súa identidade feminina Paul/Suzanne foi unha das primeiras mulleres en saltar en paracaídas, de feito foi campiona de Francia, pero a autora desta obra considerou que este feito podía afectar á credibilidade da xa de por si excepcional historia, polo que optou por non falar disto nas 160 páxinas que conforman Degenerado.

Komic Librería: Degenerado

Se o relato está estupendamente escrito o debuxo non se queda atrás, cun estilo fermoso, case etéreo, como se foran fotografías antigas, un trazo fino e delicado do que salientamos a expresividade dos rostros, e unha cor minimalista con predominio do gris e certos toques de vermello que lle aportan coherencia e verosemellanza a esta historia de amor, complicidade e drama que vos recomendamos hoxe.


Komic Librería: DegeneradoDegenerado
Chloé Cruchaudet

Dibbuks
Tomos: 1