Terry e Toreromaus, de Los Bravú: maxia, delirio e beleza

Komic Librería: Toreromaus


Unha das características máis salientables e valiosas da banda deseñada, ao noso ver, é a morea de distintas posibilidades (tanto narrativas coma gráficas) que posúe, sendo unha das artes que maior liberdade creativa ofrece aos seus autores e autoras. Boa mostra disto é o traballo de artistas como Los Bravú, ou o que vén sendo o mesmo, Dea e Diego, unha parella creativa que sorprende cun estilo moi persoal onde as fronteiras entre pintura, narración e arte secuencial semellan esvaecerse para crear un submundo máxico, delirante e fermosísimo. Por certo, que o venres 27 de xuño, a partir das 18:00 horas, contaremos coa súa presenza en Komic Librería: anotádeo na axenda!

Komic Librería: Toreromaus

Tras un primeiro álbum cunha edición limitadísima titulado Introducción, nudo y desenlace (Fulgencio Pimentel, 2013) volven repetir, e por partida dobre, coa exquisita editora rioxana. Por unha banda, e tamén cunha tirada reducida e unha edición espectacularmente coidada, presentan Toreromaus, unha auténtica viaxe lisérxica que se desenvolve ao longo dunha noite de entroido e na que o anónimo protagonista da historia, cunha actitude digna de A Esmorga, vive unha chea de situacións surrealistas (diálogos sobre a evolución das especies, conversas con estatuas ou carreiras metafísicas) tras as que se agocha unha elegante retranca mollada en viño e licor e plasmada no papel con inxenua brillantez. Unha obra sorprendente e nova na que, como adoita acontecer cos libros publicados por esta editorial, a fermosura do continente acompaña á do contido.

Komic Librería: Terry

Isto pasa tamén con Terry, a primeira escolma de autores que edita Fulgencio Pimentel, e da que Los Bravú son parte imprescindible, ao ser responsables das cubertas do libro e dunha das historias de maior extensión, «Porto Louro», na que poñen a súa arte ao servizo dun relato crítico e naif ambientado na costa galega.

Komic Librería: Terry

En Terry atopamos unha selecta antoloxía que recolle algunhas das voces máis experimentais, vangardistas e libres da banda deseñada mundial, dezaseis autores totalmente distintos, cada un co seu estilo particular, o que convirte este volume nunha xenial exposición dos distintos camiños que pode percorrer a novena arte.

Komic Librería: Terry

Historias oníricas, paródicas ou surrealistas contadas a través de vías gráficas variadas e arriscadas son o que ides atopar dentro dun libro que, xa como artefacto, sobresae pola súa turbadora beleza, pero que non se queda nun insulso e snob exercicio de modernidade (que podería ser), senón que transmite unha sensación de festa rachada da creatividade e da expresión a través da viñeta.

Komic Librería: Terry

Entre os autores incluídos nesta compilación salientamos, ademais de Los Bravú, aos nosos benqueridos Jim Woodring (autor das imprescindibles historias de Frank) e Olivier Schrauwen (responsable de xoias como Mi Pequeño ou El hombre que se dejó crecer la barba), tamén ao veterano e transgresor mangaka Seiichi Hayashi e ao delirante Simon Hanselmann.

Komic Librería: Terry

En definitiva, dous libros que son dúas obras de arte e que supoñen un clarísimo expoñente da liberdade creativa da que falabamos ao comezo. Agardamos que vos gusten tanto coma a nós!


Komic Librería: TerryTerry
VV.AA.

Fulgencio Pimentel
Tomos: 1





Komic Librería: Toreromaus

Toreromaus
Los Bravú

Fulgencio Pimentel
Tomos: 1