Nordés, de Kike J. Díaz: Unha prometedora opera prima

Nordés


Con grande ilusión chega ao panorama da bd galega un novo autor, Kike J. Díaz, que vén de auto editar a súa primeira novela gráfica: Nordés. Esta obra, na que se mesturan con acerto realismo e fantasía, é un relato de misterio cunha base histórica que comeza cando Brandán, un mozo duns trinta anos, regresa a Ribadeo, vila onde pasou boa parte da súa nenez.

Ao mesmo tempo unha persoa morre pola caída dun cascallo procedente da Torre dos Moreno, o impresionante edificio indiano que domina o centro ribadense, algo que non acontece por primeira vez e que leva a Brandán a lembrar un triste episodio da súa infancia e sospeitar que hai algo máis tras a traxedia.

Nordés

Descubrir a verdade que se agocha nestes accidentes convertirase nunha obsesión para o noso protagonista, e na súa investigación semella ser parte fundamental o Marqués de Sargadelos, o home que no século XVIII impulsou a industrialización luguesa cunha fábrica de ferro que máis tarde produciría armas e cerámica.

Nordés

Resulta sorprendente que un autor debutante achegue unha obra case sen fisuras e de tan aceptable lectura. Cun debuxo moi coidado e dinámico métenos na historia dende a primeira páxina, e cun ritmo narrativo ben dosificado, onde alterna a acción da actualidade con flash-backs á época do Marqués, acada realizar un libro que recomendamos altamente e que presenta a Kike coma un dos nomes a seguir dentro da nova historieta galega.


NordésNordés
Kike J. Díaz

Autoeditado
Tomos: 1