Blast, a grande obra mestra de Manu Larcenet

Komic Librería: Blast


Coa publicación do cuarto e derradeiro tomo de Blast o noso aprezado Manu Larcenet conclúe unha serie que, sen dúbida algunha, está chamada a ser unha lectura de culto. Catro libros editados ao longo de cinco anos, máis de oitocentas páxinas en total para contar a epopeia vital dun home que procura deixar de ser home, unha historia dura e sen concesións extraordinariamente construída por un autor que demostra máis ca nunca o seu inmenso talento e que, cunha liberdade e unha mestría difíciles de atopar, espreme a súa enorme capacidade de observación e a súa magnífica prosa apoiado nun debuxo excepcional.

Komic Librería: Blast

Cando Polza, o protagonista deste relato, acada os momentos de epifanía aos que denomina Blasts, chega a ver moais diante del, enormes, impresionantes. E un pouco a sensación que teño tras ler os catro libros que contan a súa peripecia vital é a de atoparme perante un moai xigante de papel e tinta e sentimentos e dores e verdades. Unha estatua magnífica que me agarra por dentro como poucas veces unha obra literaria. Ecoa na miña memoria aquela canción de Silvio Rodríguez: «Soltar todo y largarse, qué maravilla/atesorando sólo huesos nutrientes/y lanzarse al camino pisando arcilla/destino a las estrellas resplandecientes». Pero cantada con menos ledicia e un ton máis agridoce.

Komic Librería: Blast

O argumento xira arredor del, Polza Manzini, un home enormemente grande e obeso de 38 anos, escritor gastronómico, a quen atopamos nunha sala de interrogatorios, sen saber de que está acusado. Os dous policías que levan o seu caso necesitan coñecer o máximo posible da súa historia para así entender os seus actos. Deste xeito, coma o Cibrán de A esmorga ou o Verbal Kint de Os sospeitosos habituais, o personaxe principal convértese en narrador e inicia un diálogo monologado ao que asistimos como espectadores privilexiados. Descubrimos daquela o comezo da súa viaxe, unha odisea iniciática e definitiva na que procura aillarse case por completo do resto da humanidade para encontrarse a si mesmo, e que ten como detonante a morte do seu pai. Tras o pasamento do seu proxenitor, e axudado por inxentes cantidades de alcol e estupefacientes, experimenta por primeira vez o Blast, un intre de levidade total onde a moral e o inculcado desaparecen e todo cobra sentido, un momento místico que o leva ata o extase.

Komic Librería: Blast

A narración de Polza, un dos personaxes máis fascinantes que atopei na miña vida como lector, non resulta ser, malia o que poderiamos pensar, nin os delirios dun enfermo mental nin unha barbaridade procedente dun criminal alcólico, senón que está máis achegado ás reflexións dun paquidérmico Thoreau. Apoiado nunha memoria prodixiosa, unha excepcional capacidade narrativa e unha imperiosa necesidade de compartir a súa experiencia constrúe un minucioso relato do seu particular descenso aos infernos buscando o ceo.

Komic Librería: Blast

A súa vida patética, os seus naufraxios etílicos e a súa fuxida cara diante dende que vive o Blast por vez primeira aparecen nun discurso preciso e elocuente cheo de reflexións lucidísimas sobre a condición humana e moitas outras cousas, seguindo o ronsel doutros grandes autores da literatura francesa como Rimbaud ou Céline, nunha obra inclasificable que poderiamos (pero non queremos) etiquetar como thriller psicolóxico, xénero negro, estudo de enfermidade mental, exaltación da natureza ou viaxe existencialista. A intelixente construción narrativa tramada por Larcenet vaise ver rota unicamente no sorprendente e necesario epílogo a través do cal descubrimos elementos fundamentais para a comprensión da historia, unha coda que funciona como final apoteósico desta serie na que o horror e a deseperanza conviven coa delicadeza e o reencontro coa natureza, a tenrura mesturada coa crueza.

Komic Librería: Blast

E se o guión ten unha calidade altísima con esta marcada tendencia á dicotomía a parte gráfica non se queda atrás, os catro álbumes abanean entre a profunda escuridade do branco e negro con distintos grises ata momentos de euforia gráfica, que inclúen secuencias abraiantes de viñetas en cor, collages con recortes de revistas, tiras gráficas realizadas polo seu bo amigo Jean-Yves Ferri e mesmo debuxos feitos polos fillos do autor (precisamente os que ilustran os Blasts de Polza). En resumo, os catro tomos conteñen páxinas fermosísimas, experimentais, desacougantes ás veces, nas que demostra o grandísimo talento que ten como debuxante e un nivel de entrega inusual, o que dota a serie enteira dun carácter moi persoal.

Komic Librería: Blast

Non é necesario coñecer a obra ou a biografía de Larcenet para se decatar do moito que hai del en Blast. Atreveríame a dicir que este é o seu título máis persoal, mesmo aínda máis que Los combates cotidianos ou El retorno a la tierra, dúas series cun alto contido autobiográfico. Nunha ocasión definín a David Rubín como un autor que se desangraba en cada páxina. Manu é da mesma estirpe. Son tremendas a honestidade, a sinceridade e a paixón que contén cada recuncho de Blast, sen artificios ou concesións. E tamén son evidentes algunhas das súas obsesións recorrentes, como son as relacións familiares, a bipolaridade e as difusas fronteiras entre cordura e tolemia ou a confrontación entre a cidade e a natureza (ou entre o social e o animal), visible isto último de xeito especial na lacónica representación gráfica que fai do espazo urbano ou do aquel case caricaturesco que posúen os personaxe humanos en comparación co precioso e realista detallismo das paisaxes e dos animais que Polza atopa no seu camiño.

Komic Librería: Blast

Xa que logo estamos ante unha obra absolutamente xenial, non recomendable a todos os públicos polo seu carácter cru e descarnado pero que de seguro fascinará a todas e todos @s que vos acheguedes a ela. Para min, a nivel persoal, se Larcenet xa estaba dentro do meu particular Olimpo de autores, con esta obra pasa a ser o mesmísimo Zeus, ou algo parecido.


Komic Librería: Blast 1Blast 1: Bola de grasa
Manu Larcenet

Norma
Tomos: 1




Komic Librería: Blast 2Blast 2: El Apocalipsis según San Jacky
Manu Larcenet

Norma
Tomos: 1




Komic Librería: Blast 3Blast 3: De cabeza
Manu Larcenet

Norma
Tomos: 1




Komic Librería: Blast 4Blast 4: Ojalá que se equivoquen los budistas
Manu Larcenet

Norma
Tomos: 1