Episodios Lunares, de Martín Romero: poética e desacougante fermosura

Komic Librería: Episodios Lunares


Recibimos en Komic Librería unha nova mostra do engaiolante traballo de Martín Romero, unha das voces máis persoais da banda deseñada galega: Episodios Lunares, recompilación de pequenos relatos coidadosamente coeditada por Reino de Cordelia e Vidas de Papel.

Komic Librería: Episodios Lunares

Hai anos que chamou a nosa atención este autor nado en Xión, dono dun estilo propio moi persoal e interesante que aprezamos en numerosas colaboracións para distintas publicacións e na súa novela gráfica Las Fabulosas Crónicas del Ratón Taciturno (2011). O seu debuxo preciosista e turbadoramente inocente confírelle ás súas historias, que adoitan abalar entre a fantasía e a realidade, un aquel máxico e fermoso. Algo que atopamos nestes Episodios Lunares, unha compilación de oito pequenos relatos gráficos aparecidos anteriormente en distintos medios e que, ademais da mesma estética, comparten a coherencia temática de estar protagonizados por seres sobrenaturais.

Komic Librería: Episodios Lunares

E deste xeito polas súas páxinas desfilan espíritos, lobishomes, criaturas da lagoa, xigantes ou cativos que volven da morte. Martín emprega estes personaxes fantásticos para falarnos de sentimentos moi reais, fondamente humanos, ás veces mesmo contradictorios ou complementarios.

Komic Librería: Episodios Lunares

O amor e o desamor, os soños, as frustracións, as esperanzas... en definitiva a vida mesma, con todo o fermoso e o terrible que ten. E isto, contado co seu detallista estilo, influenciado pola ilustración infantil clásica, adquire unha tonalidade distinta que enfeitiza, conmove e marabilla, como no magnífico e xenial segundo capítulo: Días de vino y rosas, onde o emprego dos recursos expresivos do medio e do simbolismo resulta abraiante.

Komic Librería: Episodios Lunares

E se ao seu coidado debuxo e á particular atención polo deseño unimos o agarimo co cal realizan o seu traballo Reino de Cordelia e Vidas de Papel resulta que temos nas mans un libro feito e editado con gran fermosura, que de seguro será tan fascinante para vós como o é para nós, e do que ademais hai dispoñible unha edición limitada e numerada que vén acompañada dunha serigrafía exclusiva asinada polo autor.

Komic Librería: Episodios Lunares


Komic Librería: Episodios Lunares

Episodios Lunares
Martín Romero

Reino de Cordelia / Vidas de Papel
Tomos: 1