Atila: a consolidación da colección Castelao e de dous nomes da BD galega

Komic Librería: Castelao. Atila


É para nós un pracer e tamén un orgullo dicir que, con este Atila, chegamos ao ecuador dunha colección na que nos sentimos plenamente involucrados xa que, como moitos sabedes, somos xunto con Demo Editorial, os seus impulsores e coeditores desde a mesma xestación deste proxecto.

Komic Librería: Castelao. Atila

Convírtese nun feito habitual presentar esta novidade como unha maneira de celebrar o Día das Letras Galegas, porque, agás Titoán (2012), premiado pola Deputación da Coruña, tanto O pobre tolo (2012) como Máis alá! (2013) saíron da imprenta nestas datas. Cómpre aclarar que Atila é o cuarto tomo na orde de aparición pero sería o sexto dunha cronoloxía conceptuada para oito volumes.

Komic Librería: Castelao. Atila

Nesta ocasión atopamos a Castelao no mes de febreiro de 1938. Nas eleccións do 36 fora elixido deputado pola Fronte Popular, séntese obrigado a acompañar ao goberno da República na retagarda, primeiro en Valencia e neste intre en Barcelona.

Komic Librería: Castelao. Atila

O fío condutor desta historia será unha entrevista que Castelao concede á xornalista e dramaturga Magda Donato e que se publicou no número 32 do magacín Mi revista. Como material adicional para ilustrar o texto, e como agasallo para ela, Castelao entrégalle uns debuxos do libro editado no ano anterior, Atila en Galicia, no que o artista quixo plasmar as atrocidades e a masacre que se está a cometer durante a guerra.

Komic Librería: Castelao. Atila

E así, mentras percorren as rúas da cidade, a súa conversa vaise ver interrompida pola chegada da aviación italiana nun dos primeiros bombardeos sobre Barcelona. E é a partir de aquí cando Iván e Inacio espremen e explotan todos os recursos gráficos e narrativos: nas escenas do interior do refuxio antiaéreo alteran o número de viñetas por páxina, ou eliminan os recadros nunha pasaxe na que o noso protagonista lembra anécdotas da súa infancia na pampa arxentina, recursos cos que acadan culminar o episodio con claridade e brillantez.

Komic Librería: Castelao. Atila

Por último, salientar un novo logro que os autores alcanzan para aqueles lectores que non teñan coñecemento previo da figura do ilustre rianxeiro: a lectura deste capítulo de xeito independente servirá como achegamento inicial, e será perfectamente válida como ollada global da súa vida e do seu carácter.


Komic Librería: Castelao. Atila

Castelao. Atila
Inacio Vilariño / Iván Suárez

Demo Editorial / Komic Librería
Tomos: 1