Por sus obras le conoceréis, de Jesse Jacobs: unha cativadora xénese chea de liserxia

Komic Librería: Por sus obras le conoceréis


Moitas veces, ao falar do magnífico comezo do século XXI na banda deseñada galega, nomeamos a publicación Barsowia do colectivo Polaqia como un dos seus piares fundamentais. A confluencia dun grupo tan heteroxéneo e interesante de autores, con estilos e temáticas tan diversas, permitiunos descubrir a unha xeración que a día de hoxe é toda unha realidade, pero ademais disto a revista tivo un importante papel divulgativo que en ocasións esquecemos, xa que nas súas páxinas non tiñan só cabida historietistas autóctonos, senón que en cada número medraba a nómina de colaboradores chegados de todo o mundo. E precisamente a través das páxinas de Barsowia foi como coñecimos ao autor da obra que hoxe comentamos: Jesse Jacobs.

Komic Librería: Por sus obras le conoceréis

Este artista e ilustrador canadense ten realizado numerosos traballos como deseños de camisetas e de táboas de skate, ilustracións para prensa ou portadas para álbumes musicais, tendo sempre presente o seu impactante e atractivo estilo cheo de complicadas estruturas que mesturan a xeometría e máis o orgánico, e que podedes aprezar no seu blog. Este preciosismo no seu debuxo, herdeiro directo do horror vacui, é empregado por Jacobs tamén nas súas historietas, o que, grazas á colección La mansión en llamas de DeHavilland Ediciones, podemos degustar coa recente publicación deste Por sus obras le conoceréis.

Komic Librería: Por sus obras le conoceréis

O argumento da historia xira arredor dun grupo de seres cósmicos que, baixo a supervisión dun titor, participan nunha sorte de obradoiro de creación de mundos con elementos básicos, mundos que irán gañando máis e máis complexidade. Así coñeceremos a Blorax, Zantek e Ablavar, o máis sensible dos tres alumnos que, baseándose no carbono, creará un planeta habitado por animais. A súa creatividade provoca as gabanzas dos demais, agás no caso de Zantek, no que o éxito das criaturas creadas por Ablavar esperta un sentimento de envexa e competitividade que o levará a tentar sabotar a obra do seu compañeiro.

Komic Librería: Por sus obras le conoceréis

No seu relato atopamos moitos intres simbólicos e metafóricos, pegadas da historia do noso planeta e da nosa especie a través do prisma máxico da ollada de Jacobs. Unha viaxe engaiolante e conmovedora na que o autor xoga coa mesma xénese bíblica (Adán e Eva ou Caín e Abel) pero que tamén aborda os sentimentos primarios que todas e todos agochamos no noso interior e reflexiona sobre o papel demiúrxico do creador. En definitiva, unha grande historia cunha tremenda fermosura estética, un título que, a priori e debido ao seu carácter independente ou experimental, non semella estar dirixido cara o público xeral pero que vos animamos a coñecer e a que vos introduzades sen prexuízos nesta galaxia abraiante.


Komic Librería: Por sus obras le conoceréis

Por sus obras le conoceréis
Jesse Jacobs

DeHavilland Ediciones
Tomos: 1