Un noruego en el Camino de Santiago, de Jason: a Ruta Xacobea en viñetas

Komic Librería: Un noruego en el Camino de Santiago


John Arne Saeteroy, máis coñecido polo sobrenome de Jason, é un noruegués residente en Francia que se adica á ilustración e á historieta. A súa obra, única e inclasificable, resulta moi doada de identificar polo seu característico debuxo, unha liña clara minimalista protagonizada por animais antropomórficos, e posúe un aquel fascinante pola súa heteroxeneidade e por mesturar un certo desacougo existencial cun fino e irónico humor. Da súa man saíron títulos tan interesantes, diversos e recomendables como Espera…, Yo maté a Adolf Hitler, No me dejes nunca ou El último mosquetero. Hai dous anos, como celebración do seu cincuenta aniversario, decidiu poñerse as botas (literalmente) e camiñar dende San Jean-de-Pie-de-Port ata Compostela. Da súa experiencia naceu Un noruego en el Camino de Santiago, no cal recrea a súa viaxe, que vén de ser editado, coma o resto da súa obra, por Astiberri.

Komic Librería: Un noruego en el Camino de Santiago

Xa que logo estamos perante un título que agardabamos impacientes por dous motivos ben distintos: por tratarse da nova banda deseñada dun autor moi persoal que sempre nos sorprende co seu traballo e, por suposto, por ser un relato de temática xacobea no cal a nosa cidade xoga un papel protagonista.

Komic Librería: Un noruego en el Camino de Santiago

Ao longo de máis dun mes seguimos os pasos de Jason polos 800 quilómetros que van dende Francia ata Fisterra, nun relato plantexado, evidentemente, como un caderno de viaxe, como un diario detallado onde a rutina diaria (espertar moi cedo, camiñar, pode que conversar con outros peregrinos, chegar ao destino do día, cear, descansar, comezar de novo) só se vai ver rota por pequenas e divertidas situacións ficticias que son froito da imaxinación (e da cinefilia) do noruegués, a quen acompañamos nos bos momentos (que teñen que ver coas paisaxes naturais polas que pasa e, sobre todo, coa xente á que coñece durante o traxecto) e nos que non son tan positivos (as molestias físicas –bochas e dores nos pés-, ser «atacado» por chinches), pero tamén estamos con el no seu camiño interior, nos seus pensamentos e dúbidas. Esta incerteza, saber se «fixo ben» o Camiño, se realmente espremeu como debería a experiencia, seméllanos un tema moi interesante, ademais de ser unha mostra máis da capacidade narrativa e da sinceridade do autor.

Komic Librería: Un noruego en el Camino de Santiago

Malia que a promoción impulsada pola Xunta de Galicia no último cuarto de século, dende aquel famoso Xacobeo 93, desvirtuou de xeito notable o significado do Camiño de Santiago ao transformar unha experiencia vital de autocoñecemento, unha metáfora da vida, ou unha peregrinación relixiosa, nunha masificada atracción turística, a ruta non perdeu o seu valor simbólico, a súa condición de camiño iniciático ou transformador. Estas contradicións son percibidas polo autor, que nun intre do libro chegar a referirse ao Camiño como «un negocio» ou sorpréndese ao ver a esaxerada cantidade de tendas de souvenirs na propia Compostela.

Komic Librería: Un noruego en el Camino de Santiago

Aqueles de vós que teñades realizado nalgún momento da vosa vida o Camiño recoñeceredes neste libro lugares e situacións, e os que non, tedes unha oportunidade estupenda para descubrir directamente o vivido por Jason durante ese mes. Iso si, pode que tanto a uns coma a outros vos chame a atención o carácter frío ou pouco emotivo do noso narrador, a ausencia de xúbilo ao chegar a Compostela. En todo caso é de agradecer que Jason non opte por edulcorar o seu relato ou vender algo que non foi, senón que nos conte a súa experiencia tal e como el a viviu. E así é como nos a lemos.


Komic Librería: Un noruego en el Camino de Santiago

Un noruego en el Camino de Santiago
Jason

Astiberri
Tomos: 1