A alquitara, de Troubs: testemuño dun oficio tradicional

Komic Librería: A alquitara


A voluntariosa editora coruñesa Figurandorecuerdo(s) aposta, coma xa fixera hai dous anos, por traducir unha obra do francés Troubs á nosa lingua. Se daquela o título escollido fora Muuh! No prado das vacas (un bucólico retrato do noso animal totémico, un fermoso diálogo monologado entre o autor e as vacas), nesta ocasión con A alquitara a temática tampouco resulta descoñecida en terras galegas, pois xira arredor da figura do alquitareiro, un destilador ambulante posuídor dun alambique ou alquitara que percorre o rural a ofertar os seus servizos durante a estación da estila, é dicir, entre os meses de outubro e maio.

Komic Librería: A alquitara

No outono do ano 99, e ata case finais da primavera do 2000 Troubs acompaña a Alain, un veterano alquitareiro, por distintas localizacións en tres departamentos distintos do centro oriental da Francia. Preséntanos a súa experiencia nunha sorte de diario detallado onde recolle as datas e lugares nos que realizan o seu traballo, un almanaque que moi cedo se vai ver sobrepasado polas anécdotas e os caracteres da xente que coñecen durante a tarefa. Dun xeito que pode semellar caótico ás veces o autor retrata a vida no rural, a MicroHistoria que se agocha en cada casa, o que se conta na taberna ou na lareira pero que non aparecerá en libro algún (pero si neste!!!).

Komic Librería: A alquitara

Troubs non explica en exceso o funcionamento do alambique, como se dese por suposto que coñecemos o proceso. Mais si que vemos aos paisanos levándo o bagazo ao obradoiro augardenteiro e contando as pequenas historias que conforman o eixo deste libro, mentras agardan que a mestura de lume, auga e o alcol no que se transforman os azúcares de ameixas, peras ou laranxas resulte no prezado licor.

Komic Librería: A alquitara

Salientamos as dúas sensacións principais que nos deixa lectura de A alquitara: por unha banda, a da proximidade que nos produce ver un oficio tradicional ben coñecido na nosa terra, coma de estiveramos a falar dun matachín ou dun afiador. Pero, por outra, a tristura que dá ver como esmorece esta actividade.

Komic Librería: A alquitara

Ao igual que acontece no rural galego vemos neste libro como nas zonas que percorren Alain e Troubs a súa poboación é dunha idade bastante avanzada, o que provoca que estean a vivir un duro e imparable proceso de despoboamento. As xeracións máis novas prefiren as comodidades da vida moderna urbanita á dureza do traballo labrego ou gandeiro. Non hai quen continúe cos traballos tradicionais. O asoballante avance do «progreso» lévase por diante partes esenciais das nosas comunidades mesmo sen nos decatar, rachando así cun equilibrio antigo e necesario.

Komic Librería: A alquitara

Case no final da súa colaboración o alquitareiro coméntalle ao historietista que un día, por mor disto, non haberá máis augardente que a industrial que se pode atopar nos supermercados. E máis tarde, no pequeno post-scriptum que debuxa o autor ao visitar eses mesmos lugares doce anos despois de ter traballado neles, un dos escasos sobreviventes augardenteiros di: «…o que lles interesa é a botella, cando se decatan de que na tenda non a atopan véñenme choromicar…». Estas ideas están tamén presentes no interesantísimo epílogo que asina o xornalista Carlos C. Varela, e na nosa cabeciña atopamos así mesmo un paralelismo coa loita entre o pequeno comercio tradicional, como pode ser a nosa libraría, e as grandes superficies ou as xigantescas plataformas de comercio on-line.

Cómpre ir mellorando, por suposto. Cómpre ir progresando, está claro. Pero non a costa de sacrificar boa parte do coñecemento e da experiencia acumulada ao longo de séculos e séculos. Algo que, ao fin e ao cabo, é unha das nosas maiores riquezas como sociedade.

Komic Librería: A alquitara

Aproveitamos para, ademais de vos recomendar a lectura de A alquitara, anunciarvos a presentación que faremos deste libro este vindeiro xoves 1 de xuño en Komic Librería. A partires das 18:30 horas contaremos coa presenza da editora e tradutora Rosa Espiñeira Pan e do mestre, escritor, e benquerido komiqueiro Séchu Sende, que nos falarán máis polo miúdo desta interesante obra.


Komic Librería: A alquitara

A alquitara
Troubs

Figurandorecuerdo(s)
Tomos: 1