El jugador de ajedrez, de David Sala: a denuncia a través da beleza

Komic Librería: El jugador de ajedrez


Na portada de El jugador de ajedrez podemos ver a un grupo de persoas, vestidas ao estilo dos anos vinte ou trinta, na cuberta dun barco. Entre elas chama a atención a figura central, un home de mediana idade que posa cun aquel elegantemente desafiante. A xeometría do chan lembra directamente á perfecta composición dun taboleiro de xadrez. A escena atrae dun xeito case inevitable, como se fose o canto das sereas no lugar da capa dun libro. Comeza así a persoal adaptación á banda deseñada que o francés David Sala vén de realizar de Novela de xadrez, a derradeira obra de Stefan Zweig. Un relato que de contado pasou a ser un dos títulos máis emblemáticos do escritor austríaco e no que plantexa, dunha maneira sutil e engaiolante, unha desgarradora denuncia da barbarie do nazismo.

Komic Librería: El jugador de ajedrez

Zweig, que acadou unha tremenda popularidade no primeiro tercio do século pasado e que a día de hoxe segue a ser un dos autores máis lidos a nivel mundial, representou á perfección a figura do intelectual comprometido co seu tempo. A súa obra literaria, eminentemente narrativa e biográfica, transmite sempre o forte antibelicismo e a fonda sensibilidade do seu autor. Un humanismo extremo que o arrastrou cara a desesperación e o desacougo existencial máis escuro trala ascensión do nacionalsocialismo. Exiliado en Brasil, o pesimista convencemento da vitoria alemá na Segunda Guerra Mundial levouno a suicidarse xunto á súa dona Lotte no ano 1942. Preferiron morrer a vivir nun mundo sometido polo terror nazi.

Komic Librería: El jugador de ajedrez

Antes da súa morte deixou escrita esta derradeira novela, un texto que foi publicado de xeito póstumo en 1943 e que moitos consideramos o cumio da súa prosa. Nela a acción transcorre nun paquebote que zarpa de Nova York rumbo a Bos Aires, no 1941. Entre os pasaxeiros sobresae a figura de Mirko Czentovic, o campión do mundo de xadrez, que viaxa cara Arxentina na procura de novos desafíos.

A súa presenza esperta a curiosidade de boa parte da pasaxe e el, malia ser un home reservado, acepta xogar unha partida contra varios dos viaxeiros. No transcurso da mesma fai a súa aparición un misterioso aristócrata austriaco, o señor B., que posúe un extraordinario dominio do xadrez a pesares de afirmar que leva 25 anos sen tocar un taboleiro. Un inesperado e sorprendente contrincante para o campión.

O relato do seu pasado, a través do cal descubrimos o motivo das súas asombrosas habilidades como xadrecista e os motivos do seu exilio forzado, plasma a terrible pegada dos nazis na Austria ocupada ao tempo que denuncia a persecución a as torturas coas que procuraban reducir á nada a aqueles que non pensaran coma eles.

Komic Librería: El jugador de ajedrez

Na metamorfose desta historia de novela a cómic David Sala fai un salientable exercicio de mesura e elegancia, respectando a esencia de Novela de xadrez e acadando que os lectores desta reinterpretación poidan sentir toda a forza do texto orixinal de Zweig, compartir o desacougante abismo que supón a opresiva historia do señor B. e vibrar cos movementos que realiza durante a súa partida contra Czentovic, mesmo se descoñecen os rudimentos deste fascinante e simbólico xogo.

Komic Librería: El jugador de ajedrez

Para isto o autor emprega con mestría diversos recursos expresivos da banda deseñada, como unha axeitada composición das páxinas ou unha utilización soberbia dos silencios narrativos, e, sobre todo, unha fermosísima posta en escena gráfica, que degustamos xa dende a devandita e estupenda portada.

Komic Librería: El jugador de ajedrez

Ilustracións feitas directamente en acuarela e coloreadas dun xeito enfeitizante, nas que aprezamos unha influencia palpable de pintores que viviron na mesma época que Zweig, como Schiele, Klimt ou Moser. Acerta tamén David Sala á hora de decorar os escenarios por onde transcorre a acción, cunha chea de referencias inspiradas na art noveau e na art déco e multiples xeometrías (nas alfombras, no vestiario, no mobiliario) que entroncan coas 64 casiñas nas que se xoga o xadrez.

Komic Librería: El jugador de ajedrez

Ademais da innegable calidade artística desta versión en bd e da potencia da novela orixinal non podemos rematar este artigo sen falar da súa necesariedade e da triste coincidencia que supón a chegada de El jugador de ajedrez nun intre no que o mundo está a vivir terribles e preocupantes paralelismos coa época vivida por Stefan Zweig. O rexurdimento da estrema dereita, as proclamas xenófobas, o drama dos refuxiados abandonados á súa sorte e tratados de xeito miserable, os ataques á liberdade de expresión e un longo etcétera deberían de ser indicios dabondo para nos obrigar a abrir os ollos e loitar por un mundo mellor, máis xusto e xeneroso. Na nosa man está non ser cómplices da ignominia e que as denuncias efectuadas por Zweig e moitos outos hai case un século non caian no esquecemento. E a lectura desta obra ben pode valer como punto de partida.


Komic Librería: El jugador de ajedrez

El jugador de ajedrez
David Sala

Astiberri
Tomos: 1