O tesouro de Lucio, de Belatz: agardando que chegue o tempo das cereixas

Komic LIbrería: O tesouro de Lucio


Hai vidas que paga a pena contar, tanto polo que teñen de extraordinarias como polo que podemos aprender delas. E, sen dúbida, a de Lucio Urtubia pertence a este selecto grupo. Este navarro, hoxe un entrañable velliño de case noventa anos, protagonizou unha chea de episodios que rozan o incrible ao longo da súa traxectoria vital e acadou nos últimos tempos unha relativa sona a través da aparición en 2007 dun documental sobre a súa figura, unha posterior entrevista con Jordi Évole no coñecido programa televisivo Salvados, e tamén a publicación de dous libros nos que narra a súa vida (La revolución por el tejado y Mi utopía vivida, ambolos dous editados por Txalaparta).

Komic LIbrería: O tesouro de Lucio

Que é o que ten de especial a vida de Lucio? Porqué resulta tan rechamante? Naceu no ano 1931, e como a gran maioría de habitantes da España daquel tempo medrou na miseria máis absoluta pero, no canto de resignarse, como fixo boa parte da súa xeración, el decidiu loitar contra a inxustiza e a opresión que dende cativo sufría día tras día. Desertou do servizo militar e fuxiu a Francia, onde se converteu en albanel e abrazou o anarquismo por ser unha ideoloxía que procuraba un mundo máis equitativo e xusto. Comezou a participar en atracos de entidades bancarias, un xeito de obter recursos e financiamento con finalidades solidarias, revolucionarias ou propagandísticas desenvolto por determinados grupos anarquistas e denominado por eles mesmos «expropiacións» ou «recuperacións». «Recuperar» cartos manchados de cobiza, corrupción e complicidade co poder para causas máis xustas e humanitarias.

Komic Librería: O tesouro de Lucio

Unha sorte de Robin Hood moderno que levou esta idea ata límites inimaxinables a comezos dos anos oitenta, cando montou toda unha rede de «recuperadores» que por medio dunha imaxinativa estafa expropiou enormes cantidades de diñeiro ao First National City Bank. Recursos que non empregou no seu beneficio, senón para financiar organizacións e grupos libertarios, axudar a familias de presos políticos, etc. Un humilde albanel navarro sen estudos poñendo en xaque ao primeiro banco mundial da época. Aí queda iso. Evidentemente podemos estar de acordo, ou non, coas ideas e obxectivos de Lucio, pero resulta innegable (e admirable) o enorme compromiso e coherencia deste home ao longo de toda a súa vida, loitando á súa maneira por facer do mundo un lugar mellor.

Komic LIbrería: O tesouro de Lucio

Atraído pola súa figura, o ilustrador Mikel Santos, Belatz, compartiu con el numerosas e interesantísimas conversas, confesións que se converteron na base deste libro no cal Belatz se lanza con decisión e afouteza cara o seu maior reto como artista. Con claridade e un ton próximo traslada á banda deseñada a fascinante vida de Lucio, e abofé que chegou a bo porto, pois esta biografía resulta ser unha lectura amena e fluída dende a primeira páxina. Para isto o autor empregou unha estrutura semellante á de Los surcos del azar, de Paco Roca, e así imos a coñecer a historia do noso protagonista a través da entrevista que unha estudante universitaria lle está a realizar para o seu traballo de fin de carreira. Da voz do propio Lucio escoitamos (lemos) diversos episodios da súa biografía, dende a súa nenez en Cascante ata a actualidade, pasando polos seus comezos como estraperlista en Navarra, a súa chegada a Francia e a súa implicación nas accións de grupos anarquistas ou a formación da súa familia.

Komic LIbrería: O tesouro de Lucio

No Tesouro de Lucio, ao igual que na vida mesma do anarquista navarro, atopamos agarimosas homenaxes a un episodio fundamental da historia humana moderna, un acontecemento que é moito menos coñecido do que debería: a Comuna de París. Unha canción fortemente asociada a ela, Le temp des cerises, está presente ao longo de todo o álbum, e unha das súas figuras máis relevantes, Louise Michel (quen, por certo, protagonizou outra magnífica biografía en viñetas da que vos falamos hai tempo: La virgen roja), tamén. De feito na casa de Lucio, no barrio parisino de Belleville atópase o Espace Louise-Michel, un centro de encontro e acollida onde se realizan charlas, conferencias, debates, exposicións e proxeccións cinematográficass.

Para rematar queremos salientar que esta obra chega ata nós grazas ao acordo entre tres editoras amigas e sae do prelo en catro versión distintas: galego, catalán, éuscaro e castelán. Esta coedición entre Demo Editorial, Txalaparta e Tigre de Paper seméllanos unha nova de importancia que ademais pode abrir un camiño a percorrer no futuro para levar a cabos proxectos que doutro xeito serían inviables.

Komic LIbrería: O tesouro de Lucio

Xa que logo aquí vos deixamos esta recomendación, unha lectura chea de compromiso e humanismo que nos descubre unha vida fasciante ao tempo que nos fai reflexionar. E de paso, vos convidamos á presentación que terá lugar en Komic Librería o venres 21 de setembro. Comezará, como decote, ás 18:00 horas, e nela contaremos coa presenza do autor, Belatz, e do seu editor en galego, Manel Cráneo, de Demo Editorial. Agardámosvos!


Komic LIbrería: O tesouro de Lucio

O tesouro de Lucio
Belatz

Demo Editorial
Tomos: 1