Berlín, de Jason Lutes: unha necesaria obra mestra

Komic Librería: Berlín


Coa recente publicación do seu terceiro e derradeiro tomo conclúe a extraordinaria triloxía Berlín, na cal o estadounidense Jason Lutes plasma, con éxito, un lugar e un momento fundamentais na historia contemporánea: a cidade de Berlín no crucial período de entreguerras. Un título que é xa un clásico moderno do cómic, e que hoxe vos presentamos recomendándovos a súa lectura.

Hai máis de vinte anos, en 1996, o historietista Jason Lutes emprendía un ambicioso e complicado proxecto: levar á banda deseñada o Berlín da República de Weimar e a chegada do nazismo ao poder. Este fenomenal fresco histórico vén de chegar á súa conclusión coa publicación, hai unhas semanas, de Berlín, ciudad de luz, o derradeiro volume da triloxía tras Berlín, ciudad de piedras (2005) e Berlín, ciudad de humo (2008). Curiosamente este importantísimo e documentado mosaico sobre un intre crucial da historia moderna sae do prelo nun momento no que estamos a vivir certos e preocupantes paralelismos con aquela época. Algo que, de seguro, aumenta o interese e a relevancia desta obra.

Komic Librería: Berlín

Os tres volumes compilan as case seiscentas páxinas nas que, ao longo de vintedous capítulos realizados noutros tantos anos, Lutes mestura, cun tino absoluto, acontecementos e personaxes que existiron con outros ficticios. Isto vai dotar de frescura e fluidez a narración, outorgándolle con grande acerto un carácter coral. O autor mérgullanos de cheo, cunha coidada documentación, no convulso ambiente da capital alemá durante aqueles anos: un país desencantado e frustrado trala humillante derrota na Primeira Guerra Mundial no que boa parte da clase obreira vive na miseria ante a inoperancia da burguesía e da clase dirixente. Un caldo de cultivo perfecto para a aparición de movementos extremistas e a confrontación entre as distintas ideoloxías, nunha espiral de tensións que derivarán na chegada ao poder de Hitler en xaneiro de 1933, coa súa designación como chanceler.

Komic Librería: Berlín

Para plasmar este lustro clave o autor constrúe un fresco histórico composto por unha chea de pezas, as vidas dos seus numerosos personaxes. Un reparto variado no cal están representados case que tódolos sectores da sociedade berlinesa: nas súa páxinas conviven políticos, xornalistas, obreiros socialistas, artistas, xudeus, nazis, prostitutas, policías, estudantes ou aristócratas. As súas historias entrecrúzanse de seguido entre elas, adáptanse con corrección aos feitos históricos e aportan unha visión bastante global da complexa realidade que debía ser o Berlín de entreguerras.

Komic Librería: Berlín

Entre os protagonistas sobresae a parella formada polo xornalista Kurt Severing e a estudante de arte Marthe Müller, dous personaxes fascinantes que se complementan e sobre as costas de quen recae boa parte do peso narrativo e crítico desta obra, na que, cómpre salientar, Lutes foxe do xuízo moral ou de consideracións persoais para tentar mostrar os relevantes acontecementos desta época do xeito máis fiel. E abofé que o acada, demostrando unha madurez e unha calidade altísimas como narrador. Con obxectividade e moita documentación describe un intre histórico no que tiveron gran responsabilidade as causas económicas e socias, amais das políticas.

No apartado gráfico o seu estilo sobrio, cun branco e negro de trazo limpo e grande influencia da liña clara da bd europea, pero tamén de referencias cinematográficas, acáelle ao relato como unha luva e consegue transportarnos cara o Berlín de finais dos anos vinte.

Komic Librería: Berlín

En definitiva, estamos perante unha obra que se nos antolla fundamental, un magnífico retrato dun lugar e dun tempo claves para o futuro do mundo enteiro, un relato fascinante que, unha vez máis, volve lembrar a necesidade de coñecer o pasado para entender o presente e non repetir os mesmos erros no futuro. Unha triloxía coidadosamente editada por Astiberri que vos recomendamos convencidos do seu valor e das súas virtudes.


Komic Librería: Berlín

Berlín (Triloxía)
Jason Lutes

Astiberri
Tomos: 3