Unha mestra en apuros, sálvese quen poida, de Pilar Serrano e Jorge Campos

Unha mestra en apuros


Esta semana celebramos o Día das Letras e, como vén sendo habitual dende hai uns anos, en Komic Librería sacaremos os libros á rúa para participar na Romaría dos Libros que terá lugar na Praza de Mazarelos, nun venres de festa no que estaremos moi ben acompañados. Ademais de contar coa presenza de Víctor Boullón, autor de Aleida, cidade sen alma, teremos connosco a Jorge Campos, que asinará exemplares da súa última obra: Unha mestra en apuros, sálvese quen poida.

Jorge Campos, autor de Alter-nativo (Aira, 2017), o abraiante álbum co cal o coñecimos e do que xa vos falamos neste artigo, debuxa nesta ocasión as historias nadas da pluma de Pilar Serrano, prolífica escritora de literatura xuvenil e infantil, e tamén mestra no ensino primario. E supoñemos que, baseándose na súa propia experiencia, o que nos vai contar ao longo das 60 páxinas que conforman este libro son pequenos relatos nos que asistimos ao día a día dunha profesora de infantil.

Unha mestra en apuros

Como podedes imaxinar atopamos nesta banda deseñada unha chea de intres sorprendentes, divertidos e tenros. A visión dos cativos e cativas, tan afastada por momentos dos pensamentos dos adultos, a súa espontaneidade libre de prexuízos e vergoñas, e a súa imaxinación ilimitada, provocan situacións arrevesadas que poñen a proba a paciencia da mestra e a súa capacidade para manter a orde na súa aula. As ilustracións de Jorge, cun estilo agradable, limpo e sinxelo, encaixan á perfección co ton amable do libro e fan moi doada a súa lectura.

Publicado pola editora coruñesa Bululú, esta obra é moi recomendable para todo tipo de públicos, dende nenos a mayores, e fará sorrir, especialmente, ao persoal docente que mirará reflectidas varias das súas vivencias. Unha oportunidade, pois, perfecta para compartir esta lectura en familia, divertirnos coas ocorrencias dos pequechos e, porque non, lembrar a nosa época infantil.


Unha mestra en apuros

Unha mestra en apuros, sálvese quen poida
Pilar Serrano / Jorge Campos

Bululú
Tomos: 1