¡Vivan las vacas!, de Rabaté e Prudhomme: o mellor xeito de comezar o verán

Komic LIbrería: ¡Vivan las vacas!


Malia a climatoloxía destas últimas semanas o verán comezou hai un par de días, e poucas maneiras atopamos máis axeitadas de darlle a benvida que a lectura da pequena marabilla que hoxe vos recomendamos: ¡Vivan las vacas!. Unha obra, por certo, que non é unha exaltación de certo mamífero rumiante considerado animal totémico destas terras, senón unha irónica celebración das vacacións estivais. Un álbum editado orixinariamente en Francia no 2015 e que, hai un par de meses, publicou en castelán Bárbara Fiore Editora, permitíndonos gozar así co traballo de David Prudhomme e Pascal Rabaté.

Komic LIbrería: ¡Vivan las vacas!

Os dous autores que xa nos encantaran hai anos con outro traballo conxunto, La virgen de plástico, e agora volven marabillarnos co seu talento e o seu carácter lúdico, inquedo e imaxinativo. Algo que acada con practicamente tódalas súas obras Pascal Rabaté, un home que ocupa dende hai tempo un lugar importante nas nosas filias, ben o sabedes. E non é algo estraño, xa que a extensa carreira deste francés do 61 conta cunha chea de títulos salientables que están entre as nosas lecturas preferidas e máis recomendadas.

Komic LIbrería: ¡Vivan las vacas!

As súas historias sitúanse sempre nun realismo costumista tamizado pola fina retranca e un agudo poder de observación. Non atoparemos nos seus relatos superheroes hipermusculados ou fantásticas aventuras en mundos máxicos, tampouco viaxes espaciais nin epopeias bélicas. Nós, que escribimos este artigo, ou ti, que o estás a ler, poderiamos perfectamente protagonizar calquera dos títulos nados da creativa mente deste humanista moderno.

Komic LIbrería: ¡Vivan las vacas!

Ben sexa como autor total, a cargo do guión e do debuxo, ben sexa como escritor —deixando a parte gráfica a outras mans—, ou mesmo como cineasta —cunha traxectoria cinematográfica case descoñecida para o público galego pero interesantísima e moi, moi divertida—, Rabaté posúe unha capacidade inusual para apreixar o insólito dentro da rutina, o extraordinario que hai na ordinariez, o surrealismo que se agocha sempre na realidade. Río abajo, Íbices, Un gusano en la fruta ou Revienta, cerdo son boas mostras de todo isto, sen esquecer a devandita La virgen de plástico, unha divertidísima historia na que colaborou por vez primeira con Prudhomme, o autor co cal comparte responsabilidades creativas neste ¡Vivan las vacas!. De feito, ao abrir esta delicatesen estival, debaixo do título aparece a seguinte frase introdutoria: «Unha historia a dous cerebros e catro mans». Toda unha declaración de intencións que promete moito e comeza a dar pistas sobre o ben que o tiveron que pasar estes dous autores realizando este caleidoscopio do verán.

Komic LIbrería: ¡Vivan las vacas!

Porque ¡Vivan las vacas! non deixa de ser iso: un retrato coral dun día de vacacións nunha vila costeira francesa —intuímos que situada en Normandía ou Bretaña, pero ben podería ser Sada, Baiona, Sanxenxo, Viveiro ou Miño—. Unha xornada completa —a obra comeza cos turistas chegando á vila, e remata coas derradeiras raiolas do día— que serve como metáfora do verán enteiro, e na que vemos un mosaico de situacións e personaxes recoñecibles e prototípicos das vacacións masificadas, estereotipos que calquera de nós ten presenzado —e mesmo protagonizado— nalgún intre.

Komic LIbrería: ¡Vivan las vacas!

Prudhomme e Rabaté xogan con eles, caricaturízanos, estíranos, revíranos, experimentan coas perspectivas e puntos de vista, desenvolven o seu papel de demiurgos cun acerto tal que nos fan, inevitablemente, lembrar a outro artista francés cunhas espectaculares dotes observatorias: Jacques Tati. De feito temos a certeza de que o xenial cineasta tería gozado sobremaneira coa lectura deste libro e mesmo pensamos que Monsieur Hulot podería formar parte do elenco de personaxes sen desentoar o máis mínimo. 

Komic LIbrería: ¡Vivan las vacas!

¡Vivan las vacas! é un título, pois, contemplativo e divertido a partes iguais, unha colección de escenas á cal asistimos como testemuñas privilexiadas grazas ao talento dos seus autores, que demostran o seu nivel tamén no apartado gráfico, cun debuxo delicioso e natural, coloreado con mestría. Un libro que pode servir para rirnos de nós mesmos, dos demais, sorprendernos cos numerosos xogos visuais, agradecer ser habituais de praias solitarias ou, simplemente, divertirnos cunha boa e refrescante lectura. Ah, e non podemos rematar esta recensión sen dicilo… vivan as vacas!


Komic LIbrería: ¡Vivan las vacas!

¡Vivan las vacas!
Pascal Rabaté / David Prudhomme

Barbara Fiore
Tomos: 1