Tanta paz leves, de Tomás Guerrero: as cicatrices da guerra

Komic Librería: Tanta paz leves


A segunda obra de Tomás Guerrero editada por Demo Editorial é un relato denso e de moito peso que nos transporta cara unha época escura na historia da vella Europa. Ambientada en 1948, a trama transcorre nun circo que xira polo sur de Francia. É cedo aínda para que as feridas que a guerra deixou abertas cicatrizaran xa. A miseria, o medo e a desconfianza flotan na atmósfera como unha consecuencia ineludible do pasado recente.

Komic Librería: Tanta paz leves

Con este escenario como pano de fondo asistiremos ao desenvolvemento duns feitos que o autor irá esmigallando, á vez que nos presenta os antecedentes oportunos e necesarios para dar sentido aos acontecementos que imos observar, e que culminarán dándolle todo o sentido a unha obra perfectamente estruturada e pechada.

Komic Librería: Tanta paz leves

Tomás Guerrero optou por afastarse do estilo gráfico que empregara A deserción de Stalin, a súa primeira obra, e cremos que acertou de cheo, xa que o seu debuxo e especialmente o entintado que plantexa ao longo das setenta páxinas deste libro transmite toda a negrura do ambiente e dos feitos que narra.

Komic Librería: Tanta paz leves

Os personaxes protagonistas aportan un toque fresco e exótico no medio de tanta escuridade: un indio de orixe canadense e un sacerdote galego son os encargados de nos guiar na lectura, moitas veces máis achegada á prosa que ao cómic, do mesmo xeito que souberon guiar os pasos das súas vidas nuns tempos convulsos marcados pola guerra.

Komic Librería: Tanta paz leves

Por momentos a obra fíxonos lembrar o imponente relato de Manu Larcenet El informe de Brodeck, e confírmanos a este galego de adopción como un narrador convincente e convencido do que agardamos novas e grandes sorpresas en forma de bd para o futuro.

Komic Librería: Tanta paz leves

Aproveitamos para anunciarvos que o vindeiro venres 11 de outubro, a partir das 18:00 horas, contaremos en Komic Librería coa presenza de Tomás Guerrero, que presentará e asinará exemplares deste Tanta paz leves acompañado por Manel Cráneo, de Demo Editorial: contamos convosco!


Komic Librería: Tanta paz leves

Tanta paz leves
Tomás Guerrero

Tomos: 1
Demo Editorial