Grandarroiba, de Cristian F. Caruncho: unha historia ruda e verdadeira nos montes de Ortegal

Komic Librería: Grandarroiba


Foi en 2014 cando coñecimos a Cristian F. Caruncho. Celebrábase a primeira edición do Autobán, o festival coruñés de autoedición e bd de autor. Nun dos postos chamaba a atención a presenza dun rapaz rebuldeiro de gran sorriso que presentaba os seus fanzines, historias que, ao abrir as súas páxinas, desprendían unha forza tremenda. O mozo, que daquela contaba tan só con dezaseis anos, defendía a súa obra con entusiasmo e agradecemento nun evento no cal a maioría dos asistentes dobraban a súa idade. Non é preciso dicir que este primeiro encontro con el espertou sobremaneira a nosa curiosidade, e por iso recibimos con enorme ledicia a chegada, hai unhas semanas, de Grandarroiba, a súa primeira obra longa, un relato áspero ambientado nos seus montes natais.

Komic Librería: Grandarroiba

Porque un dos trazos recorrentes da traxectoria de Cristian, nado na parroquia ortegana de Couzadoiro, é que as súas historias sempre se desenvolven no rural. E precisamente por isto un autor consagradísimo como David Rubín entróncao, no seu agradecido prólogo, con outro talentoso contador de historias galego: Óliver Laxe, de actualidade polo éxito do seu último filme O que arde. Unha obra e outra comparten moito máis que a semellanza nos seus escenarios. Non resulta difícil atopar coincidencias tanto entre o que narran como no xeito de facelo. Ámbalas dúas teñen como protagonistas a personaxes solitarios, e tamén presentan paralelismos na relevancia do que non se conta e debemos intuir ou interpretar. E se a película está a ser unha das mellores novas do cinema galego contemporáneo, atrevémonos a dicir que Grandarroiba o é no eido da banda deseñada xa que, ademais dun excelente álbum, vai ser para moita xente a carta de presentación dun autor ao que lle auguramos un futuro tremendo.

Komic Librería: Grandarroiba

Como vos diciamos no parágrafo anterior en Grandarroiba Cristian vai contar a historia de Moncho, un relato de redención protagonizado por un home que vive apartado no alto dun dos montes de Ortegal. Un tipo rudo, aillado, inadaptado, que paga cos seus animais a xenreira e a carraxe que o acompañan dende cativo, cando xa era desprezado pola súa condición de cabreiro. En poucas pero significativas escenas, Cristian consegue describir ao personaxe e transmitir os seus sentimentos, a súa frustración, acadando algo que é realmente complicado: contar moito con moi pouco. Nisto debemos salientar a importancia dos silencios, das miradas. Algo que, dalgún xeito e ao igual que nos acontecera con varios dos seus fanzines anteriores, fainos pensar na proximidade de certo western crepuscular, no cine de Peckinpah ou de Leone.

Komic Librería: Grandarroiba

Amais desta certeira economía de medios outro dos grandes valores deste título é, ao noso entender, a súa autenticidade e, por conseguinte, a súa proximidade. O autor fala do que coñece, do que escoita, do que espreita. Fala dun mundo que non está tan lonxe das nosas cidades, que non nos é descoñecido, que leva anos a esmorecer pero que se resiste a morrer e que ten moito que dicir aínda. Un mundo, xa que logo, do cal o propio protagonista funciona como metáfora. E aquí é onde agradecemos o aquel de concordia que Cristian introduce en Grandarroiba, un punto de inflexión na vida de Moncho, unha redención que vén dada pola importancia da comunidade, de sentirse parte dalgo, da necesidade do diálogo e a colaboración entre distintas xeracións para a supervivencia común.

Komic Librería: Grandarroiba

Así pois aquí vos deixamos esta recomendación, unha historia rural que de seguro vos cativará, non sen antes aplaudir unha vez máis a aposta de Demo Editorial, responsable da publicación deste título, pola banda deseñada galega e, sobre todo, agradecerlle a Cristian F. Caruncho a achega deste relato, unha estupenda obra que será, agardamos, a primeira dunha carreira máis que prometedora.

Aproveitamos para vos anunciar que o vindeiro venres 17 de xaneiro, a partires das 18:00 horas, teremos a Cristian en Komic Librería para presentar e asinar exemplares de Grandarroiba: agardámosvos!


Komic Librería: Grandarroiba

Grandarroiba
Cristian F. Caruncho

Demo Editorial
Tomos: 1