Menú de viñetas gastronómicas de Komic Librería: para chupar os dedos!

A comer y a beber (con las manos en la masa)


Pois non sabemos a vós, pero coa chegada do outono a nós abrésenos o apetito pensando nas castañas, nas setas, nos cocidos... En fin, que coidamos que non é mal momento para falarvos de varias obras nas que a gastronomía aparece como eixo argumental. Resulta moi agradecido aprezar que dúas disciplinas tan aparentemente distintas combinen tan ben, dando como resultado títulos realmente gorentosos.

Dentro destes cómics atoparedes ofertas moi variadas, da alta cociña ás receitas caseiras e tradicionais, da gastronomía xaponesa á francesa pasando pola galega, así que en Komic Librería pensamos que vos podemos ofrecer pratos para todos os gustos no noso menú tebeístico: agardamos que sexa do voso agrado. Bo proveito!


El Gourmet Solitario

El Gourmet Solitario
Jiro Taniguchi / Masayuki Kusumi
Astiberri

Un álbum contemplativo e deliciosamente pausado (xa avisaban as nosas nais e avoas da importancia de comer despacio), no que espreitamos as distintas comidas que realiza un comercial xaponés obrigado polo seu traballo a xantar ou a cear case sempre fóra da casa. O protagonista, un home de mediana idade, tranquilo e amante da boa comida, vive cada un destes intres coma se dun ritual se tratara, experimenta, proba distintos pratos típicos da gastronomía xaponesa que analiza de xeito exhaustivo, comparte connosco os recordos que o poder evocador dos sabores provoca nel e ata nos achega unha pequena guía de restaurantes ubicados nos barrios de Tokio e arredores. Un libro moi saboroso cun arrecendo dos que abren o apetito.


La cocina de Naneta

La cocina de Naneta
Nob
Dibbuks

A entrañable velliña que nos conta a súa nenez na serie de Marieta aproveita nesta ocasión para transmitirnos boa parte do seu saber culinario. Riquísimas receitas e útiles consellos condimentados con moito agarimo e humor, e onde a nosa benquerida Naneta demostra que, ademais de ser unha lambona, é unha excelente cociñeira.


Aya de Yopougon

Aya de Yopougon
Marguerite Abouet / Clément Oubrerie
Norma

Malia que esta estupenda e divertida serie de seis volumes ambientada na Costa de Marfil de comezos dos oitenta non ten unha orientación gastronónmica a súa guionista, Marguerite Abouet, complementa cada tomo cuns agradecidos extras nos que explica algúns curiosos costumes do seu país e, por suposto, deliciosas receitas tradicionais costamarfileñas.


Oishinbo a la Carte

Oishinbo a la Carte
Tetsu Kariya / Akira Hanasaki
Norma

Esta obra é o principal referente do manga gastronómico no Xapón, leva publicándose máis de trinta anos e goza no seu país de gran prestixio e popularidade. Mestura un gran traballo didáctico e informativo con distintas historias narrativas, e céntrase en detalles moi interesantes como son a escolla dos ingredientes, as técnicas de elaboración dos pratos (algo fundamental na cociña nipona) ou a descrición dos sabores e texturas. Edítase esta serie por primeira vez en castelán, recollida en sete volumes agrupados pola súa temática, que de seguro serán do interese de tod@s @s amantes da gastronomía xaponesa.


En la cocina con Alain Passard

En la cocina con Alain Passard
Christophe Blain
Astiberri

O dinamismo do debuxo e o intenso e imaxinativo ritmo narrativo de Blain resultan sorprendentemente perfectos para plasmar o día a día de L´Arpège, o restaurante do chef Alain Passard con tres estrelas Michelin. O snobismo e carácter elitista da alta cociña atopa o seu contrapunto no sentido do humor e no poder observador do historietista, que lle outorgan á obra un equilibrio magnífico e deliciosamente evocador co cal vemos o funcionamento interno do restaurante e mesmo podemos chegar a ulir e sentir os pratos que nos seus fogóns se preparan.


Abastos

Abastos
Abelleira / Colombo / Rivas / Iglesias / Fornies
3Pintamonas

Esta obra ambientada na nosa cidade, con dúas historias principais de marcado carácter social que se entrecruzan, ten o seu epicentro no restaurante Abastos 2.0 e no popular e próximo mercado compostelán, polo que a cociña vai ter un papel fundamental na historia. De feito o libro inclúe, a modo de coda, as receitas de varios dos pratos que aparecen nas súa páxinas.


A comer y a beber (con las manos en la masa)

A comer y a beber (con las manos en la masa)
Guillaume Long
Salamandra Graphic

Outro excepcional exemplo de que cociñar, ler e sorrir combinan de maneira estupenda. Neste caso é o propio responsable da sección gastronómica da web do prestixioso xornal Le Monde o que nos achega receitas, consellos, opinións, anécdotas... e todo cun estilo moi divertido. Un libro para chupar os dedos e secar as bágoas da risa!.


Los ignorantes

Los ignorantes
Ettienne Davodeau
La Cúpula

E, para rematar, non vos iamos deixar sen bebida, non si? Así que a recomendación do noso sumiller particular, xa que non podemos contar con Los maestros cerveceros, non podía ser outra que esta excelente banda deseñada da colleita de 2012, que conxuga o coñecemento vitivinícola de Richard Leroy co dominio en materia de bd que posúe o propio Davodeau. Unha gostosa e feliz maridaxe na que os dous protagonistas comparten experiencias e información para gozo dos seus lectores e lectoras.