8 de marzo, de mulleres e viñetas: Top 12 de cómics realizados por autoras

Komic Librería: Top 12 de cómics realizados por autoras


Hoxe, 8 de marzo, celébrase o Día Internacional da Muller, e dende Komic Librería querémosnos achegar a esta celebración falando dalgunhas das obras feitas por autoras que máis nos gustaron nos últimos meses.

Hai tempo que o percibimos, aplaudimos e reivindicamos: o papel da muller no mundo da banda deseñada non deixa de medrar, e semella que as editoras comezan a ser conscientes e a valorar o talentoso traballo dun bo número de artistas e ilustradoras. Fenómenos cun grande éxito de vendas, como pode ser o caso da triloxía Croqueta y Empanadilla, de Ana Oncina, ou os títulos de Moderna de Pueblo, serviron nos últimos anos para reclamar máis atención cara o cómic feminino, algo que é de xustiza e que, ademais, ofrécenos a posibilidade de recibir propostas tan interesantes, talentosas e variadas como estas doce que vos presentamos de seguido:


Mi novio caballo

Mi novio caballo
Xiomara Correa
Reservoir Books

Con enorme ilusión recibimos o debut «profesional» desta viguesa que leva anos facendo circular as divertidas e sorprendentes peripecias dunha peculiar parella formada por unha rapaza e un cabalo, nunha traxicomedia disparatada e políticamente incorrecta que de seguro vos sorprenderá.


Mirror

Mirror
Emma Ríos / Hwei Lin
Astiberri

Un fermoso relato de ciencia-ficción que convida á reflexión feito por dúas autoras, unha galega e outra malaisiana, onde nos transportan ata un asteroide onde conviven humanos, animais e híbridos.


Poulou y el resto de mi familia

Poulou y el resto de mi familia
Camille Vannier
Sapristi

Esta autora francesa afincada en Barcelona narra a historia da súa familia centrándose nas peculiares figuras da súa avoa e do seu avó. Un traballo graficamente espléndido e orixinal cheo de intres divertidísimos.


Voyeurs

Voyeurs
Gabrielle Bell
La Cúpula

Neste álbum a súa autora, unha das voces máis interesantes do cómic norteamericano actual, convídanos a ser auténticos voyeurs e asistir como espectadores aos pequenos episodios que conforman a súa vida (as súas viaxes, convencións de cómic, as súas relación sentimentais, a ansiedade…) nun relato tan interesante coma honesto.


Vamos, nena, que te comen la merienda

Vamos, nena, que te comen la merienda
Marta Masana / So Blonde
Planeta

Un esmendrellante retrato de tres xeracións dunha mesma familia, o día a día dunha avoa, unha nai e unha filla, cada unha cos seus problemas e os seus triunfos, contado con moito humor e retranca.


Piruetas

Piruetas
Tillie Walden
La Cúpula

Unha auténtica e agradecida sorpresa. Así definimos esta historia, chea de sensibilidade e acertos, coa cal a novísima autora estadounidense retrata de xeito maxistral o paso da infancia á madurez e a aceptación dos cambios nas nosas vidas.


Pólvora mojada

Pólvora mojada
Isabel Kreitz / Konrad Lorenz
La Cúpula

A prestixiosa autora alemá, responsable de títulos tan interesantes como Haarmann ou El Caso Sorge, adapta a novela autobiográfica na cal o escritor Konrad Lorenz recrea a súa infancia en St. Pauli, o famoso barrio de Hamburgo, nos anos posteriores á Segunda Guerra Mundial.


Archivos estelares

Archivos estelares
Flavita Banana
Caramba

Esta ilustradora, malia a súa mocidade, posúe xa un estilo persoal e recoñecible e un punto de vista certeiro e mordaz, o que lle permite realizar viñetas cheas de crítica e humor que convidan á reflexión e que acadan unha gran popularidade nas redes sociais.


Valerosas 1 + 2

Valerosas 1 + 2
Pénélope Bagieu
Dibbuks

Xa, xa temos falado en artigos anteriores desta magnífica obra en dous volumes, pero é que gustamos tanto dela que non nos cansamos de recomendar estas trinta biografías de mulleres loitadoras, afoutas e pioneiras. Unha lectura estupenda coa cal descubrimos e aprendemos dun xeito delicioso.


Nomeolvides

Nomeolvides
Nuria Figueiredo
Ultrarradio

Dende Pontevedra chega esta novela gráfica, un relato “florido” e evocador de amor e intriga feito con moito tino e agarimo por unha das nosas autoras galegas preferidas, Nuria Figueiredo.


El día 3

El día 3
Cristina Durán / Miguel Ángel Giner Bou / Laura Ballester
Astiberri

A xeito de reportaxe xornalística este libro fala, con propiedade, do escandaloso tratamento que o accidente do metro de Valencia acontecido en 2006 tivo (e ten) por parte das autoridades. O esquecemento, desprezo e ineptitude que as vítimas e os seus familiares sufriron dende aquel tráxico día e a súa valente resposta na procura de respostas fronte ás mentiras cobran unha nova dimensión neste libro.


El fruto prohibido

El fruto prohibido
Liv Strömquist
Reservoir Books

Con atrevemento, moita documentación e unha xustificadísima dose de xenreira esta historietista sueca plantexa un percorrido pola concepción da sexualidade feminina ao longo da historia (especial e paradoxicamente dende o punto de vista masculino), centrándose en temas que, malia a súa naturalidade, seguen a ser tabúes a día de hoxe, como a menstruación. Un libro arriscado, necesario e imprescindible, sen dúbida.


Así pois aquí vos deixamos as nosas recomendacións (que agardamos, por certo, que foran do voso interese), co desexo de que cada vez máis a igualdade sexa unha realidade en tódolos ámbitos da vida, pero, especialmente, no da banda deseñada. E non queremos rematar sen vos felicitar o día e agradecer a vosa confianza a todas aquelas komiqueiras que formades parte da gran familia de Komic Librería!