Selección de cómics para celebrar o Día do Libro 2020

Mermaid Project


Ao longo do ano hai unha xornada especialmente sinalada para a comunidade libreira, unha data onde celebramos a existencia dun artefacto tan máxico e marabilloso como é o libro. Tradicionalmente festexamos este día, o Día do Libro, o 23 de abril, como conmemoración do pasamento de Cervantes e máis de Shakespeare. Este ano, evidentemente, non foi posible levarlo a cabo, así que se tomou a decisión de adíalo ata hoxe, xoves 23 de xullo.

Lembrámosvos que, durante todo o día, os libros terán un desconto do 10%, polo que é un momento ideal para ir a por esa obra que levas tempo devecendo ler, completar as túas coleccións preferidas ou simplemente deixarte aconsellar polos libreiros e libreiras na procura dunha lectura perfecta para ti. Coa intención de facervos máis doada a escolla aquí vos deixamos unha ducia de títulos aparecidos durante ou despois do confinamento, unha selección que inclúe bandas deseñadas de estilos, xéneros e temáticas moi diversas, e na que podemos atopar boas opción para tódalas idades:


Mermaid ProjectMermaid Project
Leo / Jamar / Simon
ECC

Unha nova e atractiva historia xurdida da imaxinación do autor brasileiro, responsable de Los mundos de Aldebarán. Nesta ocasión ocúpase, xunto a Corine Jamar, do guión que debuxa con efectividade Fred Simon, un relato policial e de aventuras ambientado nun futuro próximo.


O derradeiro libro de Emma Olsen

O derradeiro libro de Emma Olsen
Pablo Prado
Galaxia

A madurez e os recursos, tanto gráficos como narrativos, que o autor emprega nesta adaptación da coñecida novela de Berta Dávila sorprenden sobremaneira ao ser a primeira obra longa que realiza. Un comezo máis que rechamante para un historietista ao que abofé habemos de seguir a pista.


Patria

Patria
Toni Fejzula
Planeta

A magnífica adaptación gráfica da novela homónima de Fernando Aramburu permítelle a Fejzula amosar o seu incrible talento, ilustrando con acerto a dramática historia de dúas familias vascas marcadas a lume polo fanatismo político dun e doutro bando.


Rencor apache

Rencor apache
Joann Sfar / Christophe Blain
Norma

Dous dos nomes máis relevantes da bd francesa das últimas décadas unen as súas forzas na atrevida empresa de retomar as aventuras dun personaxe tan icónico como é o tenente Blueberry. Un western fascinante no que acadan aportar os seus particulares estilos ao tempo que respectan a esencia da mítica serie creada por Charlier e Giraud.


Aleida II. Cruzada

Aleida II. Cruzada
Víctor Boullón
Demo Editorial / Komic Librería

O segundo e agardadísimo volume desta serie de aventuras con ambientación histórica e dirixida cara o público infantil e xuvenil. Nesta entrega atopamos á nosa intrépida protagonista envolta nunha das cruzadas que se levaron a cabo na Idade Media.


Cuántix

Cuántix
Laurent Schafer
Alianza

A través da vida cotiá dunha familia do máis normal Schafer achéganos aos principios da física cuántica e da teoría da relatividade dun xeito ameno e comprensible, neste novo exemplo de cómic divulgativo.


Las brujas

Las brujas
Pénélope Bagieu
Alfaguara

A excelente artista responsable de Valerosas adapta co seu agradable estilo un dos contos máis populares de Roald Dahl, a loita dun neno e da súa extravagante avoa por evitar o maléfico e terrible plan dunhas bruxas que pretenden acabar con todos os cativos do mundo.


El Murciélago sale a por birras

El Murciélago sale a por birras
Álvaro Ortiz
Caramba

Este divertimento realizado durante as semanas que botamos confinados resulta ser unha esmendrellante aventura protagonizada por certo superheroe onde Álvaro Ortiz mestura moitos dos tópicos do Cabaleiro Escuro cos estereotipos da pandemia.


¿Me estás escuchando?

¿Me estás escuchando?
Tillie Walden
La Cúpula

Unha metafórica e imaxinativa viaxe protagonizada por dúas mulleres que xira arredor da amizade e da aceptación dunha mesma. Outra mostra do talento desta noviña pero interesantísima autora estadounidense.


Saint-Exupéry

Saint-Exupéry
Saint-Dizier / Carlos Fernández
Norma

Un documentado e agarimoso paseo pola vida do autor do Principiño, un home fascinante que foi piloto, xornalista e escritor na primeira metade do século XX.


Primavera para Madrid

Primavera para Madrid
Magius
Autsáider

Mordaz e certeiro coma nunca Magius traza aquí unha fabulosa crónica socio-político dos círculos de poder onde non deixa títere con cabeza, centrándose especialmente na comunidade madrileña e onde calquera semellanza coa realidade é, simplemente, pura coincidencia.


Un mundo maravilloso

Un mundo maravilloso
Inio Asano
Norma

O mangaka xaponés regresa con esta nova obra que recolle vinte relatos. Historias curtas nas cales presenta, unha vez máis co seu persoal estilo, diversas situacións cotiás dende unha perspectiva existencialista e cun certo toque de realismo máxico.