Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en abril de 2015

Top 10 de Komic Librería


Outro mes máis tivemos que matinar moito para escoller as nosas dez obras do mes... De verdade que é un pracer ter tantos títulos bos onde elixir! Aquí vos deixamos a nosa selección correspondente ao mes de abril...


10

AbastosAbastos
Abelleira / Colombo / Rivas / Iglesias / Sagar
3 Pintamonas

A presentación desta nova editora compostelá está ambientada precisamente en Santiago, cunha historia de realismo social na que se entrecruzan os esforzos dunha universitaria por seguir a estudar e os problemas dun dos peixeiros da Praza de Abastos por saír adiante coa súa dona discapacitada. Costumismo e gastronomía da man nesta obra escrita por Francisco José Abelleira e debuxada por catro ilustradores distintos.


09

El escultorEl escultor
Scott McCloud
Planeta Cómic

A nova e agardada obra dun dos creadores e teóricos máis respectados da banda deseñada. Trátase dunha fábula urbana protagonizada por David Smith, un escultor que pasa por un mal momento no persoal e no profesional, que decide facer un pacto coa Morte para acadar a excelencia artística. Un Fausto moderno que sorprenderá ao público lector afeito aos títulos de McCloud sobre os mecanismos da novena arte.


08

Tramp Integral IITramp Integral II
Kraehn / Jusseaume
Ponent Mon

Despois do moito que nos gustou a primeira entrega seguimos de novo encantados as aventuras do intrépido capitán Yann Calec neste álbum que recolle tres ciclos narrativos distintos: un ambientado na África ecuatorial, outro na Indochina e o último no porto de Rouen, onde comezou a súa andaina.


07

Lazarus 1. FamiliaLazarus 1. Familia
Rucka / Lark / Arcas
Norma Editorial

Un bo exemplo das novas e interesantes series que chegan dende a outra beira de Atlántico, neste caso dous pesos pesados como son Greg Rucka ao guión e Michael Lark no debuxo serán os responsables deste historia ambientada diacronicamente nuns Estados Unidos que viven nun rexime de castas semellante ao da Idade Media, e onde cada familia posúe un ser humano artificial encargado da súa seguridade. Intriga e acción cunha ilustración realista.


06

Caravaggio 1. El pincel y la espadaCaravaggio 1. El pincel y la espada
Milo Manara
Norma Editorial

O mítico autor italiano volve empregar o seu espectacular e característico debuxo para achegarnos a interesante biografía do pintor barroco que sobrasaíu polo uso das sombras e das luces nas súas obras e por unha vida axitada e revolta.


05

El infierno del dibujanteEl infierno del dibujante
Kiko da Silva
Dibbuks

Con este (irónico) exercicio de estilo o polifacético e inquedo Kiko da Silva acadou o pasado ano o premio Castelao da Deputación da Coruña, ademais de facer unha homenaxe a diversos autores míticos do mundo da viñeta e reflexionar sobre a figura do historietista.


04

Los guardianes del LouvreLos guardianes del Louvre
Jiro Taniguchi
Ponent Mon

O noso mangaka preferido colabora coa tradicional obra anual que o Museo do Louvre encarga a autores de bd, un interesantísimo paseo entre o soño e a realidade polo famoso museo parisino, onde acompañaremos ao protagonista, un debuxante xaponés, polas salas e corredores, atopándonos con obras e artistas de diversas épocas.


03

O Bichero VO Bichero V
Luís Davila
Autoeditado

Quinto álbum compilatorio da famosa tira gráfica, onde o morracense Davila volve demostrar a súa xenialidade ao aportar unha ollada chea de humor á nosa realidade social e máis á actualidade.


02

Los WrenchiesLos Wrenchies
Farel Darlymple
Sapristi Cómic

Un relato sorprendente e orixinal protagonizado por un grupo de rapaces e rapazas nun mundo apocalíptico onde a maxia e a fantasía teñen moito peso, narrado cun debuxo espectacular e unhas cores fantásticas.


01

Chapuzas de amor
Jaime Hernández
Ediciones La Cúpula

Chapuzas de amor

O amor e o desamor poden satisfacer ou doer tanto aos corenta e tantos coma aos quince anos. E isto ímolo ver a través da experiencia de Maggie, un dos personaxes femininos creados polo mito do underground Jaime Hernández, un dos autores máis queridos na nosa librería que con este título acada unha das súa mellores obras, imprescindible para todas aquelas persoas amantes do universo de Locas pero que tamén encantará a quen o descoñeza.