Top 13 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en xullo e agosto de 2015
Pois non, nin o noso traballo durante a Feira do Libro da Coruña e o Salón Viñetas desde o Atlántico, nin as dúas semaniñas de descanso que vimos de gozar fixeron que se nos esquecera o noso habitual resumo das novidades recibidas. Iso si, xa que falamos conxuntamente de dous meses decidimos ampliar un chisquiño o número de obras comentadas, no que poderedes comprobar que moi supersticiosos non somos... Agardamos que vos resulte interesante!
13
Bob y amigos #3
Roberta Vázquez
Autoeditado
A compostelá Roberta Vázquez achéganos un número máis dun dos noso fanzines preferidos. A autora de Havarti Party volve á carga con novas aventuras dos seus delirantes personaxes, vinte divertidas páxinas en branco e negro con portada a toda cor!
12
Material defectuoso
Marta Fernández
Letra Blanka Editorial
Outro título que chega avalado polo seu éxito nas redes sociais, viñetas de humor gráfico moi divertido que farán rir a lectoras e lectores de todas as idades.
11
Altar mutante #3
VV.AA.
Autoeditado
Nova entrega da nosa publicación preferida sobre terror e ciencia-ficción, cunha interesantísima nómina de autores como Luís Sendón, Álvaro López, Manel Cráneo, o portugués André Coelho ou Kike Benlloch. Celebramos a edición deste terceiro número tras comprobar o éxito das dúas entregas anteriores.
10
Os que levan o lume
Álvaro López
Demo Editorial
Unha estupenda historia de fantasía e aventuras ambientada nun mundo máxico cheo de perigos e misterios, que atrapa ao lector coa súa fluidez narrativa e que confirma a Álvaro como un dos autores galegos a seguir.
09
Sol poniente
Joaquín López Cruces / Isabel Santisteban
Edicions de Ponent
Unha historia dividida en tres partes sobre a memoria e o amor. Por medio de distintos personaxes iremos coñecendo á familia protagonista, así como os seus segredos, fracasos e ilusións nun tempo convulso.
08
Muuh! No prado das vacas
Troubs
Figurandorecuerdosedicions
Unha agradable sorpresa a edición na nosa lingua desta obra, un evocador retrato do medio rural e dun dos seus habitantes máis comúns, a vaca. Un animal totémico para o campo galego sobre o cal o autor reflexiona paseniñamente ao tempo que o debuxa.
07
La fiebre de Urbicande
Schuiten / Peeters
Norma Editorial
Unha das mellores historias deste dúo franco-belga, enmarcada dentro da súa serie das cidades escuras e reeditada tras varios anos sen estar dispoñible. Descubriremos nas súas páxinas a historia de Eugen Robick, o arquitecto urbanista da cidade de Urbicande, que se enfronta ao desenvolvemento dunha Rede procedente dun misterioso cubo que ameaza con mudar a cidade e os seus habitantes.
06
El loro de Frida Kahlo
Jason
Astiberri
Once relatos curtos da man deste interesantísimo historietista noruegués, unha voz moi persoal que nunca nos deixa indiferentes. No caso desta obra atopamos historias moi diversas cunha chea de referencias literarias e da cultura popular que van da famosa pintora que dá título á obra a Chet Baker, ou de Van Morrison ao loitador mexicano El Santo.
05
Clase letal #01 (1987-Una juventud Reagan)
Rick Remender / Wes Craig / Lee Loughride
Norma Editorial
Primeiro tomo dunha das series máis rechamantes do cómic estadounidense dos últimos meses, polo seu tremendo ritmo narrativo e o seu espectacular estilo gráfico. Un mozo sen fogar é convidado a entrar nunha academia de artes letais onde o estudantado é formado para chegar a ser asasinos de elite.
04
Cuento del niño bueno / Cuento del niño malo
Andrés Magán
Linterna Mágica Ediciones
Outra delicatessen saída da man deste inquedo e prolífico autor vigués. Desta volta sorpréndenos coa súa visión do relato de Mark Twain, unha historia dobre en imaxes editada con enorme coidado e que vos recomendamos vivamente.
03
Garras de ángel
Jodorowsky / Moebius
Norma Editorial
Inédita no mercado español ata o de agora, esta colaboración entre estes dous xigantes da bd resulta ser un libro fermosamente turbador. Unha obra de arte recuperada para @s amantes de Jodorowsky, de Moebius, ou dos dous grazas a Norma Editorial.
02
Atrapado en Belchite
Sento
Autoeditado
Sento Llobell, un dos clásicos da historieta española, retoma as vivencias do seu sogro, o médico Pablo Uriel, durante a Guerra Civil. Tras o éxito da súa primeira entrega, Un médico novato, esta continuación céntrase nas súas experiencias durante a batalla de Belchite, tratadas coa mestría, o agarimo e a implicación persoal do autor.
01
Pies descalzos, una historia de Hiroshima #01
Keiji Nakazawa
Ramdon House Mondadori
O primeiro volume dunha triloxía imprescindible, o relato do vivido polos habitantes de Hiroshima a través da ollada dun neno. Unha lectura dura pero moi necesaria.