Operario, de Jano Viñuela: exprimindo ao máximo o poder evocador das imaxes

Komic Librería: Operario


Operario é un relato sorprendente e fermosamente debuxado co cal Demo Editorial inaugura unha nova colección, Demográfica, que, segundo o seu editor Manel Cráneo, estará destinada a libros de pequeno formato onde as imaxes pesarán por riba das palabras. E esta é precisamente a mellor definición da pequena marabilla que nos achega Jano Viñuela, ilustrador e historietista coruñés afincado en Vigo.

Operario presenta unha historia muda en branco e negro que nos conta un día na vida do obreiro dunha fábrica, empregando só as imaxes e exprimindo ao máximo, coma se fora un filme expresionista, o seu poder evocador, algo que percibimos ao rematar a súa lectura e decatarnos que este libriño agocha no seu interior moito máis do que poderiamos agardar.

Komic Librería: OperarioResulta difícil enumerar a cantidade de temas sobre os que reflexiona o autor, que sitúa a acción nuns anos vinte case atemporais: o poder alienante do traballo, as necesidades creadas pola sociedade, a dicotomía entre o campo e a cidade, o control do obreiro polo empresario ou a manipulación que o poder fai da orde estabelecida.

Temas todos estes que trata (ou suxire) cunha envexable economía de medios narrativos grazas a un debuxo no que podemos atopar influencias de grandes debuxantes e deseñadores modernos (Seth, Chris Ware) así como de pioneiros da novena arte (coma o expresionista belga Masereel), ao tempo que posúe un estilo cada vez máis propio e característico de Jano, que acada aquí un dos seus mellores traballos.

Komic Librería: Operario

Está publicado de maneira sinxela pero coidada por Demo Editorial, que segue a facer unha política editorial coherente, variada e comprometida coa bd galega, como demostran con este libro irónico e diferente. Un libro que convida á reflexión e no que a consciencia obreira ten tamén un peso importante (o cultismo operari@ comparte raíz latina con obreir@), algo moi necesario nos tempos que corren.


Komic Librería: Operario

Operario
Jano

Demo Editorial
Tomos: 1