Thom, de Andrés Meixide: unha boa mostra de humor gráfico

Komic Librería: Thom


Malia ser ás veces inxustamente esquecida, a tira gráfica ou tira de prensa ten un papel fundamental na historia da banda deseñada pola súa variedade e, sobre todo, pola súa importancia no nacemento e difusión da novena arte. Estas historietas, xeralmente protagonizadas por un ou varios personaxes fixos, teñen unha extensión curta (que vai de tres ou catro viñetas ata unha páxina enteira) e son publicadas nun xornal, nunha revista ou, actualmente, na Rede.

Komic Librería: Thom

Decote asociamos as tiras ao xénero cómico, e de feito a maioría dos exemplos que podemos atopar hoxe en día encaixan no chamado humor gráfico, pero non debemos obviar que as aventuras, a ciencia ficción ou o xénero policial deron os seus primeiros pasos neste formato. Little Nemo, El Príncipe Valiente, Flash Gordon, Dick Tracy ou Krazy Kat son títulos que certifican o rol da tira como berce da bd actual. Máis achegadas á nós no tempo atopamos obras que xa forman parte indiscutible da cultura popular, como son Mafalda, Carlitos & Snoopy, Garfield ou Calvin & Hobbes.

Komic Librería: Thom

Cómpre lembrar que na tradición galega de ilustración e historieta o humor gráfico ocupa tamén un lugar imprescindible, dende a elegante crítica dos debuxos de Castelao ata as viñetas de Xaquín Marín ou de Xosé Lois. Nos últimos anos agromaron varios exemplos que continúan esta liña artística, e entre eles sobresae a obra da que vos imos falar hoxe: Thom, de Andrés Meixide.

Komic Librería: Thom

Moit@s de vós coñeceredes a este peculiar granxeiro estadounidense emigrado na nosa terra, xa que dende hai sete anos aparece de xeito diario en La Voz de Galicia. Non obstante o seu nacemento é bastante anterior, asociado á revista Golfiño, onde apareceu por primeira vez aló polo ano 1999.

Komic Librería: Thom

Un tempo despois, en 2004 e dentro da colección Bd Banda da editora Factoría K, fixo a súa aparición unha primeira escolma das aventuras e desventuras deste ianqui no rural galego. E hai ben pouco que Jesús Egido, editor da madrileña Reino de Cordelia, decidíu apostar por el para continuar a súa inmersión na novena arte, tras debutar con moi bo pé publicando Little Sammy Sneeze, de Winsor McCay.

Komic Librería: Thom

O resultado non podía ser máis espectacular, arredor de 600 tiras seleccionadas polo propio autor (dous tercios delas a cor, as outras en branco e negro), nun formato apaisado en tapa dura con sobrecuberta, perfecto para gozar coa súa lectura.

Komic Librería: Thom

Debuxada con trazo firme e a soltura que dan todos estes anos de experiencia, Thom é unha divertida e irónica visión da vida no rural e en xeral, xa que os seus personaxes teñen unha tendencia tremenda cara a filosofía retranqueira, especialmente a man dereita de Thom (que é tan protagonista coma el): o porco Cholo, preguiceiro e sempre cun as para matar un tres.

Komic Librería: Thom

Polas súas páxinas desfilan tamén João, un galo de Barcelos, e Carlota, unha vaca tola moi especial, ademais de numerosos personaxes secundarios que farán nacer un sorriso nos nosos rostros. Unha obra, pois, que vos recomendamos e que vos encherá de bo humor.


Komic Librería: ThomThom
Andrés Meixide

Reino de Cordelia
Tomos: 1