Las guerras silenciosas, de Jaime Martín: algo máis que historias da puta mili

Komic Librería: Las guerras silenciosas


Jaime Martín vén de construir un relato sólido e moi sincero onde nos deixa ver o como e o porqué exerce a profesión de escritor e debuxante. O único que precisa un autor coma este para accionar os seus resortes creativos é atopar algo co que realmente se identifique, como textualmente explica na escena inicial do libro.

Komic Librería: Las guerras silenciosas

A súa nai suxire, máis en broma que en serio, que conte a mili do seu pai Pepe para superar o trauma que fixo que pasara a súa vida a contala. El contéstalle que prefire que lle conte cómo se coñeceron, que pode que iso o motive e o inspire. Con ambas opcións Jaime Martín abordará Las guerras silenciosas.

Komic Librería: Las guerras silenciosas

Ademais de contar cos testemuños directos dos seus pais, entrevistou a amigos da mesma xeración e traballou cun caderno de memorias que o seu pai escribira ao voltar do servizo militar. Móstranos tamén as súas dúbidas durante o proceso de xestación da obra e acada, por outra banda, unha dimensión de documento histórico que non debemos desbotar.

Komic Librería: Las guerras silenciosas

Aínda que poden semellar moi lonxe os ambientes de comezos dos sesenta temos que lembrar que, ata o ano 2000, todos os mozos españois tiñan a obriga de facer a mili, e tamén que vinte ou trinta anos despois do que se conta nesta obra as cousas non cambiaran tanto nun estamento tan inmobilista como é o exército.

Komic Librería: Las guerras silenciosas

Se temos en conta a singularidade do momento e do lugar onde José Martín, Pepe, fixo o seu servizo, no territorio de Ifni (Marrocos), entendemos a crudeza dunha experiencia imposible de esquecer para o resto da vida. Se xa resultaba duro para colquera que partiran a súa mocidade roubándolle ano e medio de vida no que pouco ou nada podía aprender agás malos costumes, o feito de ser secuestrado nun lugar hostil, en condicións infrahumanas e no que se podía entrar en guerra en calquera intre, facían que este destino fora a peor das sortes que un mozo da época puidera desexar.

Komic Librería: Las guerras silenciosas

Jaime Martín administra con sabedoría os recursos adquiridos nos seus vintesete anos de carreira. Salientamos o ritmo preciso que logra manter ao lectro atrapado ata a derradeira páxina e a capacidade, presente dende os seus primeiros traballos, que ten para dotar aos seus personaxes dunha humanidade auténtica, como tan só os grandes artistas saben facer.

Komic Librería: Las guerras silenciosas

Por último, e como mostra da sinceridade da que falabamos ao comezo, déixanos ver un paradoxo que @s que xa temos certa idade recordamos como unha constante a través das xeracións de todos aqueles que fixeron a mili: Jaime debuxa unha escena na que o seu pai, malia todas as penalidades e inxustizas sufridas e a súa militancia de esquerdas, admite que lle gustou a súa etapa no servizo militar. É un bo exemplo da contradición inherente á condición humana, e de que na nosa memoria hai un mecanismo de autodefensa que tende a esqeucer o peor e lembrar o bo.


Komic Librería: Las guerras silenciosas

Las guerras silenciosas
Jaime Martín

Norma
Tomos: 1