Griza Zono, de Andrés Magán: unha porta cara un mundo delirante no que non se está nada mal

Komic Librería: Griza Zono


O primeiro que coñecín de Andrés Magán foron os seus espectaculares e enfermizos cartazes para concertos, ilustracións surrealistas cun claro estilo underground que chamaron rapidamente a miña atención. Máis tarde souben que o tipo responsable deses debuxos era un dos compoñentes dun dúo de rock garaxeiro do que todo o mundo falaba moi, pero que moi ben, Fantasmage, e que actualmente xa non está en activo. Máis tarde atopeime con el como un dos colaboradores da caixa VERDE de Autsaider Comics. Por todos lados aparecían mostras do traballo deste rapaz polo que estaba cada vez máis interesado. E hai uns meses este ilustrador e músico publicaba por primeira vez un cómic de certa extensión a través dunha pequena, nova e voluntariosa editora viguesa chamada Fosfatina, que se estreou, xa que logo, coa edición de Griza Zono.

Komic Librería: Griza Zono

Neste álbum imos atopar 48 páxinas mudas que conteñen cinco capítulos, os catro primeiros protagonizados por distintos personaxes (Donovan, Glenn, Kombo e Blaund, respectivamente) que son observados por un misterioso home de rostro negro, chapeu, poncho e nome ignoto que vivirá no quinto episodio unha sorte de epifania...É dicir, un argumento non moi claro, surrealista e certamente turbador que agocha un magnético e enigmático atractivo, grazas sobre todo a un estilo gráfico no que Magán pule o seu estilo, habitualmente feísta, para facelo máis limpo pero conservando o seu gusto polos xogos e os símbolos.

Komic Librería: Griza Zono

Ante Griza Zono teño a sensación de estar ante un puzzle que eu debo completar como lector (ou espectador), e tamén a agradecida impresión de atravesar unha porta cara un mundo delirante e estraño, pero onde non se está nada mal. Son claras algunhas referencias ou autores cos que non é difícil relacionar o estilo, principalmente gráfico de Andrés, pero eu diría especialmente un nome: Jim Woodring, o creador de Frank e un dos historietistas máis xeniais que coñezo, e quizais un dos poucos que me fixeron sentir como as páxinas de Griza Zono.

Komic Librería: Griza Zono

Non é este un prato para todos os públicos, necesita da complicidade (e da apertura) dos seus lectores e lectoras, pero estou certo que aos que vos guste, vos vai encantar. Agardamos con enorme interés os próximos pasos de Andrés Magán e felicitamos a Fosfatina polo seu acerto ao publicar este obra, inclasificable e fascinante. Tanto un coma outra son xa nomes indispensables da autoedición galaica, das novas vías de creación e distribución cultural, onde os cartos non son unha prioridade, e a imaxinación e o voluntarsimo son partes fundamentais.

Komic Librería: Griza Zono

Aproveitamos para anunciaros a vindeira visita de Andrés Magán a Komic Librería, o venres 7 de novembro a partir das 18:00 horas, para presentar este Griza Zono: agardámosvos!


Komic Librería: Griza Zono

Griza Zono
Andrés Magán

Fosfatina
Tomos: 1