IES WE CAN, de Mariano Casas: unha visión traxicómica do ensino público secundario

Komic Librería: IES WE CAN


Temos falado aquí de varias das obras de Mariano Casas —que, entre bandas deseñadas e libros ilustrados superan ampliamente a ducia—, e comentado a súa hiperactividade polifacética ou o seu estilo narrativo sempre inquietante. Hoxe debemos sinalar, ademais, o seu afouto posicionamento ideolóxico ante un tema tan sensible e importante como é o ensino público. Facéndoo amais dende dentro, xa que Mariano é profesor de debuxo nun IES. E, cun punto de vista tan crítico, a franqueza coa cal expón a súa reflexión fará que algúns o cualifiquen, máis que de valente, de temerario.

Komic Librería: IES WE CAN

Todo isto non quita que o conxunto da obra teña un aquel desenfadado, como se dunha comedia surreal se tratase, e consiga sacarnos moitos sorrisos e máis dunha gargallada porque «máis vale rir que chorar». Que non vos sorprenda, xa que logo, que tratándose dun tema tan serio apareza na súa portada o subtítulo «imos rir todos».

Komic Librería: IES WE CAN

O relato do comezo da xornada para un alumno, en plena noite, a chegada a uns estraños edificios que semellan deseñados por mentes reviradas, así como a descrición dos obxectos e da decoración dos interiores, son unha introdución perfecta que nos levará a coñecer algún exemplos de profesores que nos va resultar tan familiares como as situacións nas cales os enmarca: ás veces cómicas, ás veces tráxicas, sempre kafkianas.

Komic Librería: IES WE CAN

O persoal docente protagoniza, ao contrario do esperable, boa parte da obra, máis que os alumnos, e o certo é que este colectivo non sae moi ben parado. Pero se hai algo ou alguén que resulta defenestrado na lectura de IES WE CAN é o propio sistema, os seus ideólogos e administradores. Tristemente os damnificados son, como sempre, os máis débiles, é dicir, os alumnos e alumnas. Péchase o libro cunha desoladora reflexión sobre os poderes públicos e a súa falla de interese real, amosada constantemente, en mellorar o sistema público de ensino.

Komic Librería: IES WE CAN

Non queremos rematar esta recensión sen vos deixar a nosa opinión, e para isto aclaramos que máis que coñecer a Mariano considerámolo un amigo. A verdadeira motivación do autor ao escribir unha obra tan comprometida non é a consecuencia dun sentimento de resentimento ou de venganza, como alguén podería chegar a pensar, senón algo realmente noble e loable, tan sinxelo como unha achega coa intención de mellorar as cousas. Se sempre é difícil facer autocrítica moito máis nun caso coma este, que enfronta ao individuo pro-activo co sistema inmobilista e fainos sentir a todos incómodos, o que deixa ben claro que a comodidade non é unha prioridade para Mariano Casas.

Por último, avanzámosvos que o vindeiro venres 29 de novembro, a partir das 18:00 horas, o autor visitaranos en Komic Librería para presentar e asinar exemplares desta obra: non faltedes!


Komic Librería: IES WE CANIES WE CAN
Mariano Casas

Autoeditado
Tomos: 1