Komic Librería presenta: Top 10 de lecturas recomendadas para o Samaín 2014

Komic Librería: Top 10 Halloween-Samaín 2014


Ao achegarse a noite máis terrorífica do ano, e como xa é tradición, deixámosvos aquí un Top 10 de obras para todos os gustos e idades, que vos producirán calafríos, arrepíos e mesmo gargalladas nerviosas e medorentas... Atrevédesvos a entrar nelas?

Ademais de lembraros novos números de series arrepiantes e de sobra coñecidas, coma Los muertos vivientes, AIDP, Hellboy, Lucifer ou Sandman, achegámosvos toda unha santa compaña de títulos que vos conxelarán o sangue... E se con isto non tedes dabondo tamén podedes botar unha ollada ás nosas recomendacións de 2012 e 2013: desexámosvos estremecedoras lecturas e que pasedes unha aterradora noite de Samáin.


01

Vampir / L'amour (El amor sin amor)
Joann Sfar
Fulgencio Pimentel

Vampir + L'amour (El amor sin amor)

As aventuras e desventuras (sobre todo amorosas) do vampiro Fernand, recollidas en dous integrais fermosamente editados e narradas cos xeniais diálogos e a espontánea orixinalidade dun grandísimo creador como é Sfar.


02

La memoria del aguaLa memoria del agua
Mathieu Reynès / Valérie Vernay
Norma Editorial

Unha historia protagonizada por unha intrépida rapaza que se muda coa súa nai a unha vila costeira na que se mesturan segredos familiares, traxedias da xente do mar e lendas sobrenaturais. Lectura moi recomendable para o público xuvenil e adulto. Tedes máis información sobre esta obra aquí.


03

PredicadorPredicador
Garth Ennis / Steve Dillon
ECC Ediciones

Un road-comic que é xa un clásico moderno e onde coñeceremos a Jesse Custer, un predicador posuído por unha estraña criatura froito da relación prohibida entre un anxo e un demo, o que lle outorgará poderes sobrenaturais cos que partirá á procura de Deus. Moita mala uva cunha acción trepidante nunha agardadísima reedición.


04

ZombilleniumZombillenium
Arthur de Pins
Dibbuks

Imaxinade un parque de atraccións de temática sobrenatural onde os seus empregados son precisamente iso, seres sobrenaturais. Momias, vampiros, bruxas, homes invisibles, etc. protagonizan esta divertidísima serie coa retranca e sorprendente grafismo do autor de La marcha del cangrejo.


05

Batman Año 100Batman Año 100
Paul Pope
ECC-DeBolsillo

Nesta listaxe non podía faltar o Cabaleiro Escuro, por suposto, coa reedición desta atípica aventura ambientada na Gotham de 2039 na que un sorprendente e misterioso Batman aparece convertido nun rebelde anti-sistema. Da man dun dos autores máis interesantes do cómic americano chega de novo aos nosos andeis unha das mellores aventuras deste personaxe nos últimos anos.


06

I am a heroI am a hero
Kenzo Hanazawa
Norma Editorial

A revisitación do xénero zombi nunha visión chea de humor negro e crítica social sutil, cun debuxo dinámico e espectacular, nesta serie de manga que cada vez atrapa a máis lectores.



07

FataleFatale
Ed Brubaker / Sean Philips
Panini Comics

Este tándem creativo, autor de varios dos cumios do xénero negro estadounidense, sorprende con esta serie (da que xa hai publicados tres tomos) na que revisitan o concepto da femme fatale cun pavoroso aquel sobrenatural e a súa sobriedade narrativa e gráfica habitual. Metede a Dashiell Hammett e a Lovecraft nunha cocteleira e o resultado será Fatale...  Podedes ler unha reseña sobre este cómic aquí.


08

Marceline y las Divas del TerrorMarceline y las Divas del Terror
Meredith Gran
Norma Editorial

Dende o universo de Hora de Aventuras chega esta divertida historia na que acompañamos á raíña dos vampiros de xira co seu grupo polas cidades máis importantes de Ooo.



09

Altar Mutante ComixAltar Mutante Comix
VV.AA.
Autoeditado

Moitos nomes ilustres da banda deseñada galega únense a outros autores menos coñecidos pero igualmente interesantes neste tremendo fanzine de horror e ciencia ficción dirixido por Luís Sendón e Álvaro López, con diversas e aterradoras historias non recomendable para lectores medorentos.


10

Cuadernos Rusos
Igort
Salamandra Graphic

Cuadernos Rusos

E tristemente a obra máis terrorífica dos últimos tempos non é ficción, nin está protagonizada por vampiros, bruxas ou lobishomes. Este veterano autor, un dos vangardistas do fumetti italiano achéganos unha durísima visión da situación social e política da Rusia do século XXI. En clave documental, e centrándose especialmente na guerra en Chechenia, presenta a brutal realidade dunha dictadura disfrazada de democracia nunha novela gráfica sobrecolledora. Podedes ler a nosa reseña desta obra neste enlace.