Recomendacións para os Reis Magos: Top 13 de comics internacionais editados en 2015

Un océano de amor


Pois, como vos adiantamos hai uns días, os Reis Magos solicitaron a nosa axuda pedíndonos as nosas recomendacións entre as bandas deseñadas editadas durante o 2015. Xa vos mostramos a nosa resposta respecto aos títulos nacionais, e hoxe vos presentamos os trece títulos de autores estranxeiros que máis nos gustaron dos editados durante o pasado ano


13

Pistuví

Pistuví
Merwan / Gatignol
Spaceman Books

Unha fábula sobre o paso da infancia á madurez a través dun debuxo limpísimo e dun mundo máxico e surrealista, protagonizada por unha rapaza e polo raposo que dá nome ao libro. Unha pequena xoia que non nos cansamos de recomendar e que tamén está comentada na nosa páxina.


12

Arenas movedizas

Arenas movedizas
Max Mönch / Alexander Lahl / Kitty Kahane
Impedimenta

Un dos episodios históricos máis relevantes na historia europea de finais do século XX foi a caída do Muro de Berlín, momento trascendental que esta novela gráfica narra de maneira moi intelixente e interesante, explicando como pasou e de que xeito afectou á poboación das dúas Alemañas.


11

El oro y la sangre

El oro y la sangre (2 tomos)
Bedouel / Merwan / Defrance / Nury
Spaceman Books

Unha sorprendente historia de aventuras e xénero histórico, na que seguimos a andaina de dous franceses, un aristócrata de familia acomodada e un badulaque corso, que traban amizade na Primeira Guerra Mundial e se van ver implicados nas Guerras do Riff. Unha desas obras que mesturan sabiamente o arrecendo clásico do xénero cun debuxo moderno e dinámico, e da que tamén podedes atopar máis información na nosa páxina.


10

The lonesome go, un viaje a la deriva por el sueño americano

The lonesome go, un viaje a la deriva por el sueño americano
Tim Lane
Sapristi

Este herdeiro de Crumb e Burns convídanos a toda unha viaxe polo lado escuro do mito norteamericano. Un verdadeiro e fascinante collage composto por historietas curtas, ilustracións , textos narrativos, cancións e mesmo fotografías. Un excelente quebracabezas influenciado pola literatura beatnik e as novelas pulp.


09

Zanardi

Zanardi
Andrea Pazienza
Fulgencio Pimentel

Para nós unha das mellores novas comiqueiras do ano foi a publicación desta obra, un dos títulos máis salientables dun autor italiano, inclasificable e cheo de talento, ao que non se coñece no noso país tanto como debería.


08

El hombre sin talento

El hombre sin talento
Yoshiharu Tsuge
Gallo Nero

Con esta obra, de tintes autobiográficos, sobre un debuxante de manga sen éxito e as súas tentativas de atopar un traballo co cal manter a súa familia, Yoshiharu Tsuge asinou un retrato da sociedade xaponesa posterior á Segunda Guerra Mundial ao tempo que mostraba as súas dúbidas como artista e como persoa. Un conmovedor, desacougante e magnífico relato que algúns consideran unha das obras mestras da novena arte.


07

Aquí

Aquí
Richard McGuire
Salamandra Graphic

Toda unha experiencia lectora a deste experimento formal desenvolto con mestría por Richard McGuire, que focaliza o punto de vista do lector ou lectora no salón dunha casa de Brooklyn, polo que vemos pasar millóns de anos. Descubride máis sobre este título no artigo que sobre el escribimos.


06

Love in vain

Love in vain
J.M. Dupont / Mezzo
Spaceman Books

Outra obra especialmente atractiva a nivel gráfico, na que os autores plasman, de xeito moi acertado, as peripecias vitais do mítico bluesman Robert Johnson, un enigmático guitarrista e cantante que influíu notablemente na música dos últimos oitenta anos. Aquí atoparedes máis información sobre este título.


05

El árabe del futuro

El árabe del futuro
Riad Sattouf
Salamandra Graphic

Con este título que xa comentamos aquí, Riad Sattouf volveu gañar a Palma de Ouro do Festival de Angulema, mesturando o xénero doutras realidades coas lembranzas de infancia, xa que nos conta a súa nenez, na que viviu, a comezos dos anos oitenta, en Libia, Francia e Siria.


04

Un océano de amor

Un océano de amor
Lupano / Panaccione
Reservoir Books

Unha deliciosa historia sen palabras protagonizada por un matrimonio bretón que vivirá, cada un pola súa banda, unha particular odisea. Amor, humor, acción, viaxes, crítica social e moitas cousas máis neste título que alimenta e reconforta, e do que tamén fixemos unha recensión nesta páxina.


03

Los equinoccios

Los equinoccios
Cyril Pedrosa
Norma

Un magnífico relato coral cheo de existencialismo onde os personaxes procuran atopar o seu lugar no mundo. Unha obra dunha fermosura gráfica impresionante que comentamos hai unhas semanas na nosa páxina.


02

Antares

Antares
Leo
ECC

O agardadísimo terceiro ciclo da saga de ciencia-ficción titulada Los mundos de Aldebarán chega ata nós, como os dous anteriores, nun formato integral que reúne os seis volumes dos que consta. Reatopámonos con Kim e o resto de personaxes, desta volta implicados na colonización do planeta Antares por parte dunha empresa cuns fins un tanto místicos.


01

Chapuzas de amor
Jaime Hernández
La Cúpula

Chapuzas de amor

Coa boca aberta quedamos tras ler esta auténtica xoia na que o autor estadounidense acada todo un cumio na súa extensa carreira. O creador do universo de Locas retoma o personaxe de Maggie con mestría a través de distintos momentos da súa vida. Falámosvos con entusiasmo dela hai uns meses.