Día da música 2020 en Komic Librería

Bluesman, la maldición de Barry Brown


Este pasado domingo festexouse o Día da Música, unha xornada para celebrar unha das formas de expresión artística máis fermosas e máis importantes para nós. Tamén unha das actividades máis afectadas pola pandemia que estamos a vivir, sen concertos, sen festivais… Dende aquí queremos mandar todo o noso apoio e agradecemento á comunidade musical, cunha pequena selección dos cómics melómanos máis relevantes aparecidos nos últimos tempos. Selección que, por suposto, podedes completar con outras realizadas en anos anteriores, dispoñibles aquí e aquí.

Dentro desta listaxe ides atopar dende biografías ata auténticos ensaios en banda deseñada, pasando por títulos onde a música aparece dun xeito menos directo pero igualmente trascendente. Temos, pois, un cartel variado con opciòns para todo tipo de públicos. Agardamos que vos guste:

CARA A


Miles en París

Miles en París
Salva Rubio / Sagar
Norma

Para nós, sen dúbida, un dos títulos do 2019. Unha magnífica achega a un dos intres fundamentais da vida dese gran fenómeno da música que foi Miles Davis. Aquí podedes ler o que sobre esta novela gráfica escribimos hai uns meses.


Bowie

Bowie
Michael Allred / Steve Horton / Laura Allred
Norma

Estamos ante un deses casos nos que o estilo dun autor encaixa á perfección co que quere contar, o excelente e característico debuxo de Allred acáelle estupendamente á vida (ou, mellor dito, ás distintas vidas) do camaleónico David Bowie.


Sisa, los años galácticos

Sisa, los años galácticos
J.M. Poll / Manu Ripio
Norma

Malia ser un auténtico xenio o músico catalán Jaume Sisa é moito menos coñecido do que debería fóra de Cataluña, polo que vos recomendamos este imaxinativo paseo pola súa carreira.


Johnny Cash, I see a darkness

Johnny Cash, I see a darkness
Reinhard Kleist
ECC

Non é unha novidade, xa fora editada por Planeta hai anos, pero tras tempo sen estar dispoñible é de xustiza que vos falemos deste título, onde o autor alemán especializado en biografías (Nick Cave ou Fidel Castro foron tamén obxecto das súas obras) explora a complexa vida e obra dun dos músicos norteamericanos máis icónicos.


¡Oh, Josefina!

¡Oh, Josefina!
Jason
Astiberri

O inclasificable e abraiante historietista noruegués volve sorprender con esta escolma de catro relatos entre os que atopamos unha hipotética, surrealista e impagable biografía de Leonard Cohen.

CARA B


El pequeño libro de la black music

El pequeño libro de la black music
Bourhis / Brüno
Norma

Os dous autores desta auténtica marabilla comparten devoción pola música negra norteamericana, algo que notamos e agradecemos no apaixonante paseo que nos propoñen pola súa historia, cunha chea de anécdotas e curiosidades que van do jazz ao funk pasando polo rap ou o soul.


Hip-Hop family tree

Hip-Hop family tree
Ed Piskor
Flow Press

Co seu estilo deliberadamente «retro» e unha abondosa documentación Piskor prosegue a súa completa historia do hip-hop, que vai xa polo seu terceiro volume.



Pop (¡No me quito esa canción de la cabeza!)

Pop (¡No me quito esa canción de la cabeza!)
Luis Bustos
Caramba

Mesturando o seu excelente debuxo cun abraiante e enciclopédico coñecemento e unha divertidísima retranca Luís Bustos amósanos as caras ocultas (ou non tanto) das estrelas da música popular das últimas décadas.


Sinfonía carcelaria

Sinfonía carcelaria
Romain Dutter / Bouqé
Dibbuks

Nas páxinas deste álbum atopamos o sorprendente testemuño de Romain Dutter, coordinador cultural nunha prisón francesa durante anos, ao reflexionar sobre a relevancia da música como bálsamo ante a privación da liberdade. Para isto fala tanto da súa propia experiencia organizando concertos na cadea como doutros exemplos ao longo da historia recente.


Bluesman, la maldición de Barry Brown

Bluesman, la maldición de Barry Brown
Raúl Ariño
Nuevo Nueve

Empregando algúns dos estereotipos do xénero Raúl Ariño propón unha historia sobre un antigo músico de blues reconvertido en pai de familia responsable a quen unha visita do pasado obrigará a sacar de novo a súa guitarra e afrontar os seus segredos máis escuros.

BONUS TRACKS


Paco y...

Paco y...
Magali
Timun Mas

Nesta abraiante colección de libros ilustrados con efectos musicais para os máis pequechos o can Paco, amante da música, ofrécenos divertidos percorridos por estilos coma o jazz, o rock ou a música africana, amais de introducirnos nas obras de compositores como Mozart ou Vivaldi.


Royal City

Royal City
Jeff Lemire
Astiberri

Aparentemente esta serie (editada en tres volumes) non ten moito que ver coa música, agás pola importancia que ten na vida do seu protagonista. Ao estar ambientada en dúas épocas –a actualidade e os anos 90- Lemire decidiu versionar discos míticos da década noventeira nas portadas da súa edición norteamericana. Só por isto xa paga a pena incluila nesta listaxe, como podedes comprobar de seguido, recoñecedes algunha?

Royal City