LA ESPADA DE SAN EUFRASIO #5, DESCANSE EN PAZ, de Manolo L. Poy, Miguel Fernández: o xermolo das Revoltas Irmandiñas en viñetas.




Hai poucos meses saía do prelo o quinto e derradeiro volume desta interesantísima serie de ficción histórica ambientada en terras luguesas durante os anos previos ás Revoltas Irmandiñas da segunda metade do século XV.  Unha obra que chamou a nosa atención dende 2017, cando apareceu a súa primeira entrega, e que con cada novo álbum facía medrar o noso interese.  Agora, ao ter a posibilidade de ler o relato enteiro de seguido, vemos confirmadas estas sensacións positivas e podemos afirmar que estamos ante unha lectura máis que recomendable para as persoas amantes do xénero ou simplemente interesadas na historia.

E é que son moitos os acertos que acadan en La Espada de San Eufrasio Miguel e Manolo, un tándem creativo que encaixa á perfección, como xa amosaran en títulos como O fillo da furia, Os días do cometa ou A las cinco de la tarde.  Desta volta baséanse nunha novela inédita do escritor e xornalista Pepe Rey para levarnos ata a década de 1460 e mergullarnos na complicada situación social na cal a fame e a miseria, e sobre todo os abusos da nobreza, provocaron a maior revolta social da Europa do século XV.  

alt

Neste contexto atopamos a Rosendo e a súa familia, uns humildes labregos da Terra Chá que se van ver obrigados a se enrolar nunha cuadrilla de bandoleiros tras se converter en prófugos por defender o seu.  Con estes personaxes ficticios funcionando como motor narrativo do relato imos asistir ás loitas de poder, enfrontamentos e conflitos entres os distintos nobres ou figuras das que si temos constancia histórica.  Estas múltiples intrigas e tramas son desenvoltas cunha intelixente dosificación que lle aporta á obra unha gran fluidez no ritmo narrativo e que quedan ben pechadas e resoltas neste derradeira entrega.

alt

Esta multiplicidade conleva, evidentemente, un carácter coral onde, sobre todo os roles principais, son construídos e definidos con solvencia, algo no que axuda tamén o excelente traballo de documentación que, sen procurar un rigor histórico impecable, aporta unha corrección que se agradece e que dá verosemellanza ao relato.

A esta acertada planificación do guión de Manolo únese o excelente traballo de Miguel Fernández no apartado gráfico, cunha progresión notable e unha mellora constante, especialmente no tratamento e emprego da cor.

Xa que logo aquí vos deixamos esta recomendación, un proxecto que naceu cun aquel arriscado, xa que o xénero histórico, tan popular no mercado franco-belga, non é tan habitual na banda deseñada galega ou española, pero que acadou chegar ao seu final de xeito notable.  E non só estamos diante dun entretido relato de aventuras, senón que tamén é unha estupenda oportunidade para se achegar a unha época e uns intres importantísimos na historia de Galicia.

Por último, temos o pracer de vos anunciar a visita a Komic Librería do seu ilustrador, Miguel Fernández, o vindeiro venres 10 de febreiro.  A partires das 18 horas asinará exemplares dos distintos álbumes que conforman La Espada de San Eufrasio, agardámosvos!!!