Los surcos del azar, de Paco Roca: unha obra formalmente impecable e socialmente necesaria

Komic Librería: Los surcos del azar


Cando argallamos a escolla dos títulos preseleccionados para elixir o noso KOMIC FAVORITO do 2013 había un par de días que esta obra chegara a Komic Librería, e por ese motivo non foi incluída entre os escollidos, aínda que xa sabiamos que posiblemente podía encaixar nese selecto grupo sen problemas. Pois ben, tras a súa lectura podemos dicir que os nosos temores estaban acertadamente fundados: Los surcos del azar é un tebeo dunha calidade altísima e moi recomendable para todos os públicos, ademais de ser unha necesaria reivindicación sobre un episodio moi pouco coñecido da historia española do século XX. Ao igual que aconteceu con El arte de volar de Altarriba e Kim, estamos ante unha obra que transcende o propio medio da historieta e que dende xa entra no panteón de obras fundamentais da banda deseñada en castelán.

Komic Librería: Los surcos del azar

Disque a historia está escrita polos vencedores e, posiblemente por este motivo, a importante participación de moitos exiliados republicanos españois na Segunda Guerra Mundial continúa a ser un capítulo ignoto e esquecido, co que agora Paco Roca confirma a súa madurez como artista e historiestista.

Komic Librería: Los surcos del azar

O autor de Engurras ou de El invierno del dibujante plantexa un relato formalmente impecable, tanto no debuxo como na narración, reconstruíndo de xeito moi documentado as lembranzas dun dos superviventes da Nove, a compañía formada por soldados españois ás ordes do capitán Dronne e integrada na segunda división blindada do xeneral Leclerc.

Komic Librería: Los surcos del azar

Cunha estrutura semellante á de Maus, en Los surcos del azar asistimos á recreación do vivido por Miguel Ruiz, exiliado en Francia dende a fin da guerra, ao tempo que vemos ao propio Roca convertido en personaxe, compartindo connosco as longas entrevistas que mantén co protagonista, facéndonos partícipes do proceso de creación da historia e de cada lembranza revivida con elocuencia e sensibilidade, sen caer no planfetario ou no dramatismo doado.

Komic Librería: Los surcos del azar

Nun país tradicionalmente desmemoriado en canto á historia, onde o golpe de estado nacional, a Guerra Civil, a longa noite de pedra do franquismo e as súas consecuencias seguen a ter un gran peso a nivel social e político recuperar un anaco da nosa andaina común tan importante como descoñecido é xusto e necesario.

Komic Librería: Los surcos del azar

Nestes días escuros que vivimos o coñecemento crítico do noso pasado é unha obriga para construír un futuro mellor. E que para esta recuperación e difusión o medio empregado sexa o da banda deseñada dignifica e normaliza un chisquiño máis a novena arte e confirma a súa validez expresiva.


Komic Librería: Los surcos del azarLos surcos del azar
Paco Roca

Astiberri
Tomos: 1