La espada de San Eufrasio #2: tierra de lobos, de Pepe Rey, Manolo López Poy e Miguel Fernández

Komic Librería: La espada de San Eufrasio 2


Un ano despois da publicación do seu primeiro volume, La aldea maldita, chega a segunda entrega desta entretida serie ambientada en terras luguesas aló polo século XV. As boas sensacións que nos deixara o tomo inicial de La espada de San Eufrasio son confirmadas pola súa continuación á vez que aparecen novas intrigas no relato. Seguimos a vos recomendar esta colección de banda deseñada histórica, ao tempo que vos anunciamos a súa presentación en Komic Librería este vindeiro venres 9 de novembro.

Komic Librería: La espada de San Eufrasio 2

Recibimos con interese e ledicia Tierra de lobos, o segundo capítulo de La espada de San Eufrasio, a serie de aventuras con trasfondo histórico que iniciaron o pasado ano Manolo López Poy e Miguel Fernández, adaptando a novela inédita de Pepe Rey. E debemos dicir que, se a súa primeira entrega deixara en nós un moi bo sabor de boca, a súa secuela non se queda atrás.

Komic Librería: La espada de San Eufrasio 2

A acción sitúase no inverno de 1465, pouco antes das Revoltas Irmandiñas. Atopamos Galicia, máis en concreto as terras de Lugo, dividida en varios señoríos entre os cales os conflitos son habituais. Son tempos difíciles, a miseria na que vive gran parte da poboación, indefensa ante os abusos continuos da nobreza, leva a algúns a botarse ao monte e se converter en bandoleiros para sobrevivir. Este é o caso de Rosendo e a súa familia, uns humildes labregos que, tras ser os grandes protagonistas do primeiro tomo da serie e declarados prófugos da xustiza en Tierra de lobos, pasan a formar parte dunha cuadrilla de salteadores de camiños.

Komic Librería: La espada de San Eufrasio 2

O caracter de ficción histórica que posúe este relato vaise ver enriquecido neste volume coa aparición dun novo personaxe, o recén nomeado bispo de Lugo, que, á súa chegada á cidade das murallas, atopa ao pobo vivindo na pobreza mentras a corrupción e os abusos de alguacís e soldados son frecuentes. A localización estratéxica deste señorío, clave para controlar o Camiño de Santiago (noutrora unha fonte de riqueza que neste intre está baixo dominio dos bandoleiros) conleva unha certa presión cara o novo prelado por parte dos nobres da zona e por outros compoñentes do clero, como o abade de Samos.

Komic Librería: La espada de San Eufrasio 2

Cunha sabia dosificación das distintas intrigas narrativas prosegue esta serie, pensada inicialmente para estar formada por oito volumes, na cal o interese do argumento está acompañado por unha coidada documentación á hora de reproducir a época. Para isto é clave o debuxo de Miguel Fernández, que continúa a evolucionar sen abandonar nunca o seu aquel visceral, e a quen teremos o pracer de recibir o vindeiro venres 9 de novembro, a partir das 18:30 horas, para presentar e adicar exemplares desta obra que vos recomendamos de novo.


Komic Librería: La espada de San Eufrasio 2

La espada de San Eufrasio #2: tierra de lobos
Pepe Rey / Miguel Fernández / Manolo López Poy

Diábolo
Tomos: 1