Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en outubro de 2013

Top 10 de Komic Librería


Moi difícil foi escoller tan só dez das numerosas novidades interesantes que chegaron a Komic Librería neste mes de outubro que vén de rematar, pero fixemos un esforzo e aquí vos presentamos o máis salientable, ao noso ver, das obras editadas nas últimas semanas.


10

El Escorpión #10El Escorpión #10
Desberg / Marini
Norma Editorial

Tras case dous anos e medio chega unha nova entrega desta espectacular serie de aventuras, ambientada na Roma de comezos do século XVIII e protagonizada polo afouto ladrón Escorpión. Acción e intriga a mancheas a través do rechamante debuxo do italiano Marini.


09

XIII Mistery #5. Steve RowlandXIII Mistery #5. Steve Rowland
Nury / Guérineau
Norma Editorial

Tras o éxito da serie XIII, nos últimos tempos diversos autores foron realizando relatos complementarios ó fío argumental principal, profundizando nas historias de varios dos personaxes secundarios máis destacados. Desta volta chégalle o turno a Steve Rowland, unha das identidades que chega a ter o protagonista da serie principal, e grazas a quen descubriremos novas claves para entender mellor a enorme saga de espionaxe creada por Van Hamme e Vance.


08

El monstruo sin nombreEl monstruo sin nombre
Naoki Urasawa
Planeta DeAgostini Cómics

O xaponés Urasawa adapta aquí, para deleite de todos os seus seguidores, varios contos checos, entre eles o que dá título á obra e que é unha das claves do seu intrigante manga Monster.


07

Myetzko y OgoniokMyetzko y Ogoniok
Sergio Toppi
Ninth Ediciones

Esta editorial de recente creación, especializada en publicacións teóricas, comeza a súa andaina como editora de bd con moi bo tino presentando un álbum que compila dous contos do italiano Sergio Toppi, un dos mestres da ilustración, finado o pasado ano. Dúas historias co sobrenatural de fondo e nas que a súa excelsa calidade como grafista volve quedar demostrada.


06

Brujeando #3Brujeando #3
Juanjo Guarnido / Teresa Valero
Norma Editorial

Unha das novidades máis desexadas polos máis pequenos da casa, a continuación das aventuras de Hazel, unha nena fada que está no mundo das bruxas. Acción, intriga e moito, moito humor nesta nova entrega debuxada polo enorme Juanjo Guarnido (Blacksad).


05

MarrónMarrón
VV.AA.
Autsaider Cómics

A terceira fantasía cromática que nos presentan os amigos de Autsaider, dezaseis minitebeos nunha caixa de edición limitadísima onde están presentes autores tan variados como Max, Pedro Vera, Martí ou Álvarez Rabo. Cómpre suliñar a presenza galega nesta caixa marabillosa, coas xeniais achegas de Berto Fojo, José Domingo e Guitián.


04

¿Quién le zurcía los calcetines al rey de Prusia mientras estaba en la guerra?¿Quién le zurcía los calcetines al rey de Prusia mientras estaba en la guerra?
Zidrou / Roger Ibáñez
Norma Editorial

Zidrou,  guionista belga afincado en España e autor de varias das nosas obras preferidas nos últimos tempos (Lydie, La anciana que nunca jugó al tenis ou El cuentacuentos) volve demostrar a súa gran sensibilidade nunha historia protagonizada por unha viúva, Catherine, e o seu fillo Michel, de 43 anos, e discapacitado tras sufrir un accidente de tráfico cando era novo. A través de pequenos episodios vemos o día a día desta particular parella, nun álbum emotivo e realista fermosamente debuxado polo catalán Roger.


03

ClevelandCleveland
Harvey Pekar / Joseph Remnant
Gallo Nero

O creador de American Splendor achéganos, de xeito póstumo, esta deliciosa obra sobre a súa cidade debuxada de maneira excelente por Joseph Remnant. Podedes consultar o comentario que fixemos dela aquí.


02

Astérix y los pictosAstérix e os pictos
Ferri / Conrad
Xerais

O agardado novo álbum dos irreductibles galos, o primeiro cun novo equipo creativo, Ferri e Conrad, que aposta polo seguro realizando unha historia de esquema clásico na que os nosos protagonistas viaxan ata Escocia na axuda dun guerreiro picto que aparece conxelado na aldea gala como xa vos contamos hai uns días.


01

La búsqueda del Pájaro del Tiempo (Integral)
Le Tendre / Loisel
Norma Editorial

La búsqueda del Pájaro del Tiempo

Por fin, tras moitos anos de espera, reedítase esta obra capital da bd europea de fantasía, reunida aquí nun integral realmente espectacular. Narra a viaxe de Pelisse e Bragón na procura do Paxaro do Tempo, un ser coa capacidade de parar o tempo, para poder salvar o seu mundo. Sen dúbida, un dos grandes acontecementos editoriais deste 2013.

E ata aquí o noso particular Top 10 do mes de outubro: agardamos que vos resultara interesante e de utilidade. Recomendámosvos que vaiades facendo sitio nos vosos andeis ás interesantísimas novidades anunciadas para as próximas semanas, das que vos iremos a falar en canto vaian chegando a Komic Librería.