Top 10 de Komic Librería: autoras de cómics

Top 10 de Komic Librería: autoras de cómics


Este vindeiro sábado é o 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, e dende Komic Librería querémonos sumar a esta simbólica data que serve para recoñecer a loita da muller pola igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento social. Para isto, decidimos preparar dous Top 10: un de mulleres traballadoras que realizan cómics, e outro de mulleres traballadoras que os protagonizan. Hoxe presentámosvos o primeiro deles.


Precisamente no mundo da viñeta os últimos anos foron especialmente positivos neste senso, e se hai uns anos a presenza feminina era máis ben minoritaria, a día de hoxe o número de autoras e de lectoras medrou de xeito espectacular, de maneira tal que tivemos que deixar fóra da nosa lista a moitas historietistas do noso agrado. Tras moito pensar, aquí vos deixamos o noso particular Top 10 de autoras de cómics:


10 / Mamen Moreu

Mamen Moreu

Coñecida principalmente pola súa colaboración en revistas como El Jueves ou Tmeo, esta novísima autora e libreira oscense dará moito que falar nos próximos meses coa publicación do seu primeiro álbum en solitario, titulado Resaca.


09 / Fiona Staples

Fiona Staples

Esta canadiana é unha das ilustradoras máis recoñecidas da actualidade, con numerosos premios recibidos polo seu excelente traballo na space-opera Saga.


08 / Mireia Pérez

Mireia Pérez

Ao igual que Cristina e que Ana Miralles, Mireia Pérez é valenciana. Ademais de historietista e ilustradora é libreira e, tras participar en numerosas publicacións e fanzines, gañou o Premio Fnac-Sins Entido de Novela Gráfica en 2011 pola súa obra La muchacha salvaje, convertíndose nunha das autoras máis prometedoras do noso tebeo.


07 / Cristina Durán

Cristina Durán

Un bo exemplo de perseverancia. Tras unha gran traxectoria como ilustradora para diversos medios decidíu, xunto á súa parella Miguel Ángel Giner, contarnos a doenza da súa primeira filla Laia en Una posibilidad entre mil, unha tenra historia autobiográfica, coma o proceso de adopción dun neno etíope que seguiron anos despois e que narraron en La máquina de Efrén.


06 / Rutu Modan

Rutu Modan

Esta israelí, editora, historietista e ilustradora, fíxose un nome por dereito propio dentro do cómic internacional. Con tan só tres das súas obras dispoñibles en castelán, Metralla, Jamilti e, máis recentemente, La Propiedad, podemos aprezar nelas un notable sentido do humor e un estilo gráfico que foi derivando do naif á líña clara.


05 / Marguerite Abouet

Marguerite Abouet

Sen dúbida unha das autoras preferidas de Komic Librería, esta guionista costamarfileña sorprendeu hai uns anos coa súa serie Aya de Yopougon, onde mostraba unha visión coral, divertida e vitalista do seu país a comezos dos anos oitenta. Actualmente tén aberta outra serie, tamén con protagonista feminina pero ambientada en París, titulada Bienvenida.


04 / Ana Miralles

Ana Miralles

Unha das grandes damas da historieta española, esta valenciana iniciou a súa carreira nos anos 80, en publicacións como Cairo e, tras realizar varios álbumes, emprendeu a aventura francesa prestando os seus lapis e pinceis á serie Djinn, con guión de Jean Dufaux.


03 / Camille Jourdy

Camille Jourdy

Foi unha auténtica revelación descubrir a esta autora a través da súa triloxía Rosalie Blum, unha deliciosa obra de guión sorprendente e coidadoso debuxo que pasou a ser, por méritos propios, un dos cómics de referencia para Komic Librería.


02 / Marjane Satrapi

Marjane Satrapi

Esta autora iraniana, aínda que afincada en Francia, é posiblemente a máis coñecida dos últimos anos, grazas á súa famosísima obra autobiográfica Persépole, onde nos conta as súas lembranzas de infancia e mocidade nun Irán que, tras a revolución de 1979, pasou de ser un país progresista a un estrito rexime fundamentalista. Adaptada ao cinema pola propia autora, foi traducida a moitísimas linguas, e é unha obra fundamental para entender o auxe da novela gráfica na banda deseñada europea. Outras obras de Marjane Satrapi son Bordados, Pollo con ciruelas ou o libro infantil Ajdar.


01 / Emma Ríos

Emma Ríos

Arquitecta, guionista e debuxante nada en Vilagarcía de Arousa, estamos ante a autora máis salientable da banda deseñada galega e unha das máis importantes a nivel nacional. Formou parte do colectivo Polaqia, e colaborou con numerosos fanzines e revistas antes de pegar o chimpo cara o mercado americano coa serie Hexed, á que lle seguiron continuas colaboracións para a editorial Marvel en títulos como Spider-man, Doctor Extraño ou Firestar. Actualmente o seu debuxo está a deixarnos sen fala no escuro western Pretty Deadly, con guión doutra muller, Kelly Sue DeConnick.