Un océano de amor, de Lupano e Panaccione: unha rocambolesca e divertida odisea mariña

Komic Librería: Un océano de amor


Había meses que agardabamos a chegada desta obra francesa, unha imaxinativa, deliciosa e fermosa historia muda cun grande arrecendo a mar na que se mesturan distintos ingredientes de xeito sorprendente e cunha tenrura pouco habitual.

Como moi ben comenta Paco Roca no estupendo (e «sacrílego») limiar que introduce esta obra, a escolla dun relato ilustrado sen palabras ou textos explicativos para contar unha historia plantexa unha chea de atrancos e dificultades, mais tamén é unha alternativa que transmite unha maxia especialmente evocadora con enormes posibilidades expresivas, algo que resulta evidente se esta opción é levada a cabo con talento e xeito, como é o caso de Un océano de amor.

Komic Librería: Un océano de amor

Non é a primeira vez que unha banda deseñada «muda» entra no noso particular Olimpo das viñetas, títulos tan diversos como Luís vai á Praia, de Guy Delisle, o Pinocchio de Winshluss, o xenial Frank de Jim Woodring ou os autóctonos Operario de Jano e Griza Zono de Andrés Magán forman parte das nosas lecturas preferidas. Pero poucas veces atopamos un libro destas características con tanta expresividade e no que se mesturen tantos xéneros distintos, facendo del unha particular odisea con forma de montaña rusa.

Komic Librería: Un océano de amor

O argumento xira arredor dunha veterana parella bretona: Monsieur, un entrañable mariñeiro que sae, como cada día, ao mar, e Madame, unha encantadora e decidida mullerona. A historia comeza antes do amencer, co noso protagonista masculino preparándose para ir pescar mentras a súa dona prepara o seu xantar (no que, coma sempre, mete unhas cantas latas de sardiñas en aceite, unha conserva que Monsieur aborrece). No seu pequeno barco zarpa na procura de boas capturas, pero unha disparatada sucesión de acontecementos vai facer que non regrese a porto, polo que a intrépida Madame removerá Roma con Santiago para dar con el, facendo o que sexa necesario.

Komic Librería: Un océano de amor

No fabuloso ronsel de aventuras que vivirán cada un pola súa banda atopamos unha saborosa caldeirada de temáticas diversas, pescadas ao xeito tradicional por Wilfrid Lupano, un guionista que cada vez valoramos máis (sobre todo, e malia a súa ampla traxectoria, despois do estupendo El mono de Hartlepool, para nós un dos mellores álbums editados no 2013), e preparadas con agarimo a través do magnífico debuxo de Grégory Panaccione, cheo dunha expresividade que transmite moitísimo e cunha cor que acompaña á perfección os distintos momentos que viven os personaxes.

Komic Librería: Un océano de amor

E deste xeito, cun ritmo trepidante, miraremos pasar polas páxinas de Un océano de amor aventuras con trasfondo social ou histórico (piratas modernos, o réxime cubano), cunhas pingas de crítica social (o lixo no mar, verquidos petroleiros) ao tempo que confronta a tradición cos novos tempos (o pequeno barquiño de Monsieur comparado cun superarrastreiro, as novas tecnoloxías fronte ás maneiras clásicas) tendo sempre de fondo o amor tranquilo e incondicional que se profesan Madame e Monsieur.

Komic Librería: Un océano de amor

Cómpre falar tamén dun plus deste título que lle confire, ao noso ver, un maior atractivo. Alén de ser formalmente unha obra moi redonda os paralelismos entre Bretaña e Galicia (as crepes e as filloas, o encaixe, as conservas, as supersticións, a paisaxe, o mar, etc.) apórtanlle un interesantísimo aquel para o público galego, especialmente o costeiro, que levará a moitas e moitos dos seus lectores a sentir este Océano de amor como algo próximo, coñecido e abraiante.

E todo isto «envasado» nun libro que imita, paradoxicamente, a lata de sardiñas que tan pouco gusta a Monsieur pero que terá un papel determinante na odisea deste vello Ulises de rostro curtido polo salitre e da súa intrépida Penélope, unha viaxe que, de seguro, vos emocionará e divertirá ao tempo que vos fai pensar.


Komic Librería: Un océano de amor

Un océano de amor
Wilfrid Lupano / Grégory Panaccione

Reservoir Books
Tomos: 1