Día Internacional dos Traballadores: selección de cómics con consciencia obreira

El Capital


Mañá celebramos a festa por antonomasia do movemento obreiro, o Día Internacional dos Traballadores e, un ano máis, propoñémosvos unha serie de cómics que teñen como tema principal o traballo e a defensa da clase traballadora.

Kanikosen

Entre as obras máis recentes de temática obreira resulta imposible non falar de Kanikosen (Gallo Nero), a adaptación que Go Fujio fixo da novela do mesmo título, obra de Takiji Kobayashie publicada en 1929, onde se mostran as inhumanas condicións de traballo dos tripulantes dun barco cangrexeiro nas frías augas de Kamchatka. Esta novela foi o primeiro título con trasfondo proletario na literatura nipona, e o seu autor foi torturado ata a morte pola policía xaponesa ao ser considerado altamente subersivo. Tristemente, e malia os 85 anos que pasaron dende a súa publicación, a obra continúa a ter vixencia. Se queredes ler algo máis sobre ela podedes botarlle unha ollada ao comentario que fixemos na nosa páxina.

El Contrato Social - El Capital

Tamén dende Xapón, e a través da editorial Herder, chegaron varias adaptacións de obras literarias salientables dentro dos eidos da filosofía, a antropoloxía ou a economía, e varias delas encaixan perfectamente nesta selección, como son El contrato social, de Jean-Jacques Rousseau, ou El capital, de Karl Marx, obras de lectura moi recomendable e que teñen o valor de facer asequibles para todos os públicos títulos dunha densidade considerable.

Los años Sputnik

Outros títulos dos que xa vos falamos o ano pasado son a obra de Baru Los años Sputnik (Astiberri), xa comentada na nosa páxina web e onde o autor, un dos pioneiros no eido do cómic social, reproduce a vida nun barrio obreiro do nordés de Francia aló polos anos 50.

Komic Librería: Ha muerto un hombre - La mala gente

Esta convulsa época, xusto despois da Segunda Guerra Mundial, con Europa a reconstruirse tanto física como socialmente, é tamén o escenario de Ha muerto un hombre (Ponent Mon), unha obra de Étienne Davodeau en colaboración co seu irmán Kris que, malia non estar dispoñible nestes intres, consideramos que merece formar parte desta pequena lista pola documentada e emotiva recreación que fai dunha historia real: a morte dun sindicalista en Brest a mans da policía no transcurso dunha manifestación prohibida de xeito ilegal. Do mesmo autor salientamos así mesmo La mala gente (Ponent Mon), un magnífico documento gráfico sobre os sindicatos franceses nos anos 1960, onde estaban moi implicados os pais do propio Davodeau.

Rural

E máis recentemente este mesmo autor, empregando o seu particular e detallado estilo documental, presentaba Rural, sobre o conflito que causa nunha tranquila zona rural francesa a construción dunha autovía. Céntrase moito nunha cooperativa gandeira onde tres socios tentan, con gran voluntarismo, introducirse na produción de leite ecolóxico.

Komic Librería: Puta fábrica - Los maestros cerveceros

Outros exemplos que reivindican as durísimas condicións nas que se traballaba non hai moito, e cara as que semella que volvemos, e a conseguinte loita na procura de maior xustiza e dignidade son Puta fábrica (La oveja roja), de Jean-Pierre Levaray e Efix, a dura e descarnada crónica da situación dos obreiros dunha fábrica a piques de pechar, e, coma non, debemos falar tamén da obra máis vendida na historia de Komic Librería: Los maestros cerveceros (Planeta DeAgostini Cómics). Nesta saga, na que Van Hamme e Vallès relatan cento cincuenta anos de historia no seo dunha familia de cervexeiros belgas, ten especial importancia a evolución da consciencia obreira dos seus traballadores.

Komic Librería: La gente honrada - Entretelas

De xeito máis actual salientamos varias obras que fan fincapé na necesidade e/ou posibilidade de reinventarse, como en La gente honrada (de Gibrat e Durieux, Norma Editorial), onde Philippe muda a súa vida por completo tras ser despedido aos 53 anos, ou Entretelas (La Cúpula), na que Rubén del Rincón conta a historia do seu pai e os seus compañeiros, que decidiron tomar as rendas da empresa textil na que traballaban cando esta pechou as súas portas.

Komic Librería: Andando

Dunha maneira máis coral e variada tamén é este o argumento de Andando (Norma Editorial), unha novela gráfica social obra de Carreres, Torres y Diego.

Komic Librería: El invierno del dibujante - Los profesionales

Por último destacamos tres obras que reflicten as condición laborais dos autores de banda deseñada, como son El invierno del dibujante de Paco Roca (Astiberri), Los profesionales de Carlos Giménez (Random House Mondadori) e Un zoo en invierno de Jiro Taniguchi (Ponent Mon).

Komic Librería: Un zoo en invierno

Se os dous primeiros títulos mostran aos autores españois a finais dos anos cincuenta e nos anos sesenta, respectivamente, o terceiro son as lembranzas autobiográficas do noso querido autor xaponés e o comezo do seu traballo como mangaka.

Agardamos que vos resulte de interese esta breve selección e, sobre todo, que saibamos valorar e defender o que tanto custou conseguir e que non perdamos a nosa dignidade como clase traballadora. Unha aperta enorme para tod@s!