Komic Librería repasa as novidades editoriais destacadas de febreiro de 2013

Komic Librería: All-Star Superman ECC


Agardamos impacientes a avalancha de novidades que van chegar a Komic Librería neste mes de marzo e, para facer máis levadeira a espera, aquí vos deixamos o noso tradicional resumo mensual, onde comentamos o que, ao noso ver, foi o máis destacado do mes que vén de rematar.

Komic Librería: El Cuentacuentos

Norma Editorial preséntanos a última obra dun dos guionistas que máis nos gustan nos últimos tempos, o belga Zidrou que, acompañado polo debutante Raphaël Beuchot ao debuxo, achega ás nosas mans unha fermosa e dura fábula para adultos ambientada en África, El Cuentacuentos, a historia dun contador de historias que fan pensar, e da que falamos con máis calma aquí.

Komic Librería: Marzi 1989 - Las tribulaciones de Virginia

Salientamos así mesmo a chegada do segundo tomo de Marzi, 1989, onde Sylvain Savoia segue a plasmar no papel as lembranzas da súa parella, Marzena Sowa, na Polonia comunista dos anos oitenta, e a edición de todo un clásico da bd europea para adultos, Las tribulaciones de Virginia, que recupera as historias cheas de aventura, parodia e erotismo que Job e Pichard fixeron a finais dos anos sesenta

Komic Librería: El Gavilán 8, Corsario del Rey - El Hombrecito

E clásico podemos considerar tamén a Patrice Pellerin, un meticuloso e documentado autor que é xa un dos mellores expoñentes da bd histórica e de aventuras coa sua serie El Gavilán, onde gozamos coas andainas do corsario bretón Yann de Kermeur, e da que Ponent Mon publicou recentemente o oitavo volume: Corsario del Rey.

Recibimos de novo en Komic Librería unha obra dun dos autores máis carismáticos e persoais do underground norteamericano, Chester Thompson, e, por cortesía da editorial La Cúpula, en El Hombrecito podemos admirar unha variada antoloxía de historias curtas realizadas entre 1980 e 1995 polo autor de títulos como Playboy ou Pagando por ello.

Komic Librería: Traidores de la tierra - Antes de Watchmen - All-Star Superman ECC - V de Vendetta ECC

Tamén dende a outra beira do Atlántico chega un novo episodio de toda unha institución, o coello samurai máis famoso do mundo da viñeta, Usagi Yojimbo, que será posto a proba en Traidores de la tierra.

Cómpre resaltar igualmente a achega de ECC, cos novos números das distintas series de Antes de Watchmen e a reedición do All-Star Superman, na que Grant Morrison e Frank Quitely fan unha das mellores historias sobre o Home de Aceiro. Ademais, de, claro está, a agardadísima reedición de V de Vendetta, a totémica e oitenteira obra de Alan Moore e David Lloyd.

Komic Librería: Hark! A Vagrant - Toxic Planet IntegralKomic Librería: El Pequeño Spirou 12, Te parecerá bonito - Divinos de la muerte

Se o que vos pide o corpo son unhas boas gargalladas tedes dúas opcións, ou ler a prensa do día (rir para non chorar...) ou deixaros de lerias e atacar algunha destas pequenas marabillas: Hark! A Vagrant, unha sorprendente e divertidísima escolma de tiras da canadiana Kate Pearson, editada por Ponent Mon; a edición integral de Toxic Planet (Dibbuks), ou como David Ratte mestura ecoloxía, catastrofismo e humor, moito humor; Te parecerá bonito, o duodécimo álbum de El Pequeño Spirou (Kraken), onde Tome e Janry continúan a facernos rir coa nenez do noso botóns preferido; e Divinos de la muerte (La Cúpula), unha nova obra de Ralf König.

Komic Librería: One Piece Red, Grand Characters - Bob Esponja

Non podiamos deixar de falar dunha das series manga máis exitosas no mundo enteiro, One Piece, da que Planeta vén de publicar One Piece Red: Grand Characters, unha guía de personaxes que será de interese para todos os seguidores das aventuras do pirata Monkey D. Luffy.

E para @s máis cativ@s unha gran nova: a edición por parte de Edicións B dos tres primeiros tomos de Bob Esponja, as divertidas aventuras do televisivo e disparatado personaxe.

Komic Librería: El mundo invisible de Hayao Miyazaki - The Golden Age of DC Comics

Para rematar, querémosvos falar de dous libros que de seguro atoparedes interesante: a reedición de El mundo invisible de Hayao Miyazaki (Dolmen), unha coidada monografía sobre o xenial autor xaponés, e The Golden Age of DC Comics: 1935-1956 (Taschen), a primeira parte do monumental traballo que Paul Levitz realizou sobre a mítica editorial, berce de personaxes como Superman ou Batman.

Agardamos que este pequeno repaso vos sexa de utilidade, recomendámosvos que vaiades merendando ben, porque este mes de marzo que vén de comezar promete e moito.